28 de Xaneiro-Día Internacional da Protección de Datos | Gaiástech

28 de Xaneiro-Día Internacional da Protección de Datos

Día PD
  • O día Internacional da Protección de Datos ten por obxectivo concienciar e sensibilizar acerca dos dereitos e obrigas en materia de protección dos datos persoais 
  • En España, o organismo encargado de velar pola privacidade e protección dos datos da cidadanía, é a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD)
  • Para cada actividade de tratamento de datos persoais, débense ter en conta as obrigas do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD)  e a Lei  Orgánica de Protección de Datos Pesonales e Garantía dos Dereitos Dixitais (LOPDGDD)

O próximo 28 de Xaneiro celébrase o Día Internacional da Protección de Datos, data destinada a concienciar e sensibilizar sobre o dereito das persoas para ver protexida a súa información persoal como usuarios da internet ou de calquera Administración Pública ou empresa. Esta data coincide co día en que, no ano 1981, se asinou o Convenio 108 do Consello de Europa para a protección das persoas con respecto ao tratamento automatizado de datos de carácter persoal. 

En España, A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) é o organismo encargado de salvagardar a privacidade e a protección de datos da cidadanía. Para iso expón, por unha banda, os dereitos  que poden exercer as persoas ante o responsable do tratamento dos seus datos: dereitos de acceso, rectificación, oposición, supresón ("dereito ao esquecemento"), limitación do tratamento, portabilidade e deberes que se deben cumprir, e pola outra, as obrigas que deben cumprir aqueles que tratan os datos persoais (organizacións, empresas, administracións públicas). 

Para cada actividade de tratamento de datos persoais, débense ter en conta as obrigacións que o Regulamento Xeral de Protección de datos (RGPD)  e a Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais (LOPDGDD) esixen para a protección de persoas físicas cuxos datos se están tratando. 

A AEPD, a través da súa páxina web oficial, pon ao dispor do cidadán unha folla de ruta básica para a aplicación do RGPD e a LOPDGDD. 

A continuación, expóñense unha serie de normas e boas prácticas para protexer a documentación que conteña datos persoais: 

  • Non deixar documentos á vista na mesa de traballo: gardar ben os documentos en dispositivos de almacenamento pechados
  • Seguridade nos contrasinais: usar contrasinais seguros (maiúsculas, minúsculas, números e símbolos) e diferentes para as distintas páxinas ou aplicacións nas que haxa que rexistrarse
  • Non acceder a calquera ligazón: evitar acceder a ligazóns sospeitosas. Entrar sempre dende a páxina oficial
  • Instalar sistemas de seguridade nos dispostivos: protexer o contido dos dispositivos electrónicos mediante solucións e ferramentas de seguridade, como sistemas antimalware ou xestores de contrasinais
  • Non acceder a redes wifi públicas: manter e usar sempre unha rede wifi privada
  • Copias de seguridade: tratar de realizar copias de seguridade cada pouco tempo

Para consultar máis información acerca dos dereitos e obrigas relativos á Protección de Datos: aquí