Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Galicia adquire por 13,9 millóns de euros o computador cuántico máis potente de España | Gaiástech

Galicia adquire por 13,9 millóns de euros o computador cuántico máis potente de España

computación
  • O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) contrata a Fujitsu por 13,9 millóns de euros un dos primeiros computadores cuánticos de Europa
  • Será o máis potente de España e que constituirá a principal infraestrutura do Polo de tecnoloxías cuánticas que está a impulsar o Goberno galego, co obxectivo de colocar Galicia á vangarda neste eido, apoiar o ecosistema innovador e atraer talento investigador, segundo informouse en convocatoria de prensa tras o Consello da Xunta.

A Xunta financia este investimento a través da Axencia Galega de Innovación dentro da súa aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación. O computador, que estará aberto á investigación e á innovación de todos os sectores académicos e empresariais, complementa o investimento do supercomputador Finisterrae III, ao cal se destinaron 7,5 millóns.

A adquisición do computador cuántico enmárcase dentro do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, no cal xa están en execución investimentos por máis de 30 millóns de euros que xeraron máis dunha trintena de empregos, e co que se prevé un investimento total de 150 millóns de euros nos próximos anos.

A licitación, con fondos do programa React UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, foi aberta en xullo de 2022. A oferta presentada por Fujitsu inclúe, ademais do computador cuántico de 32 bits cuánticos baseado en tecnoloxía de supercondutores, diferentes infraestruturas complementarias e un plan de colaboración que facilitará o impulso do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia por medio da creación do Centro Internacional de Excelencia en Tecnoloxías Cuánticas en Galicia.

Así, Fujitsu colaborará coas universidades galegas na formación e retención de talento; desenvolverá plans de formación específicos para universidades e empresas, e elaborará proxectos de I+D conxuntamente con outras entidades galegas. A compañía activará, ademais, un programa de I+D en computación cuántica; impulsará bolsas formativas e desenvolverá casos de uso con empresas. Tamén se levará a cabo un proxecto de consultoría para identificar as industrias que máis se poden beneficiar desta tecnoloxía.

Así mesmo, Fujitsu organizará anualmente un evento internacional sobre tecnoloxías cuánticas en Galicia, e creará un mínimo de cinco novos postos de traballo directos.

As tecnoloxías cuánticas actuarán como o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores, ao dar lugar a innumerables aplicacións e avances en medicina, ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas, entre outros. Estes avances, que terán un grande impacto na sociedade, están relacionados coa potencial capacidade e velocidade de procesamento dos ordenadores cuánticos, capaces de resolver problemas computacionais en moi pouco tempo en relación cos superordenadores clásicos.

Estratéxico para todos os sectores produtivos

Así, estas tecnoloxías emerxentes permitirán mellorar a seguridade na transmisión de datos; axudar a entender a estrutura e o comportamento de moléculas e materiais; resolver problemas de optimización como planificar mellores rutas, programar a produción e a asignación de recursos dunha fábrica; ou planificar a produción para a mellora da eficiencia enerxética, entre outros.

O novo computador cuántico, no marco do Polo de tecnoloxías cuánticas de Galicia, permitirá posicionar o ecosistema galego de I+D+i na vangarda dunha tecnoloxía innovadora e de gran futuro, captar e reter talento, atraer proxectos de I+D avanzados cara a Galicia, captar máis financiamento nacional e internacional e crear novos nichos de mercado no ecosistema empresarial galego. Esta infraestrutura permitirá crear una comunidade investigadora arredor da computación cuántica que permita liderar avances nestas tecnoloxías, e ter unha vantaxe competitiva no futuro.

Fuente: Código Cero