Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O MAPA DE CAPACIDADES DIXITAIS DE GALICIA DO CENTRO GAIÁSTECH CONTA XA CON MÁIS DE 300 ENTIDADES | Gaiástech

O MAPA DE CAPACIDADES DIXITAIS DE GALICIA DO CENTRO GAIÁSTECH CONTA XA CON MÁIS DE 300 ENTIDADES

mapa
  • O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais.
  • O directorio conta xa con máis de 300 entidades, 440 produtos, 880 servizos e 74 tecnoloxías.
  • A captación inicial de entidades foi froito dun convenio entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Clúster TIC.
     

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, publicado polo Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), superou en outubro as 300 entidades rexistradas no directorio. Sumando así máis de 60 novas altas desde a súa publicación o pasado mes de xullo.

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas. O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar ás empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector, e constituír un escaparate cara o exterior.

A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade. Actualmente conta con 312 entidades, 444 produtos, 884 servizos e 74 tecnoloxías.

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.

O Mapa de Capacidades Dixitais do GaiásTech comezou a súa andadura con 250 entidades do ecosistema TIC galego das que recolleu datos o Clúster TIC Galicia como froito dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.