Nodos

Na actualidade en Galicia están constituídos os nodos de ciberseguridade e 5G, aos que se sumará, nun período curto de tempo, o de Intelixencia artificial.
Nodo CIBER.gal
A implementación de medidas de ciberseguridade require coordinación e a compartición de recursos
Baixo esta premisa a Xunta pon en marcha o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, CIBER.gal ao que se suman a Fegamp, as catro deputacións, dous ministerios e outros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dar resposta a retos complexos e promover a xeración de talento neste eido.
O inicio da actividade de CIBER.gal estase a focalizar na formación e concienciación á cidadanía, ás empresas, en especial ás pemes, e ás Administracións públicas, dando resposta ás inquedanzas e necesidades sinaladas polos axentes consultados.
Nodo galicIA
As tecnoloxías dixitais están a cambiar profundamente a nosa vida cotiá, a nosa forma de traballar, de educar e facer negocios, a nosa forma de viaxar, así como a nosa forma de relacionarnos. Dentro delas, a intelixencia artificial cobra especial relevancia pois será capaz de proporcionar respostas a algúns dos desafíos aos que se enfronta Galicia: o cambio demográfico e a transición ecolóxica, incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable.
Neste sentido, a Estratexia en Intelixencia Artificial de Galicia 2030 constituirá a folla de ruta que integra a vontade de todas e todos de camiñar cara a unha Galicia Intelixente. Sen dúbida,a intelixencia artificial desempeñará un papel crucial na transición dixital, alzándose como denominador común na reactivación e modernización da nosa economía.
Nodo 5G
A Administración pública autonómica apostou por exercer un papel facilitador á hora de abordar o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Por iso en xullo de 2018 foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan para impulsar o ecosistema 5G galego e favorecer o despregamento destas redes no territorio.
En menos dun ano puxéronse en marcha as principais liñas do plan. A primeira, conformar un Nodo 5G co compromiso dos tres principais operadores (Telefónica, Orange e Vodafone) de realizar 9 casos de uso 5G, actualmente en marcha.
Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que fose unha das dúas Comunidades en conseguir a subvención estatal para desenvolver un piloto de Telefónica, ao que se engade agora o de Orange nesta segunda convocatoria.
En total, e grazas ao impulso de ambas as administracións, en Galicia desenvolveranse máis de 30 pilotos de 5G repartidos polas catro provincias en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
Ademais, o Plan Galicia 5G aposta tamén pola formación e puxo en marcha o primeiro curso de Especialista Universitario en 5G, en colaboración coa Universidade de Vigo, que vai iniciar a súa segunda edición.