Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica publica no repositorio de Software Libre da Xunta o código fonte do MapaTIC | Gaiástech

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica publica no repositorio de Software Libre da Xunta o código fonte do MapaTIC

mapa gaiastech
  • A liberación desta web facilita a súa reutilización por parte doutras administracións así como a colaboración para a súa mellora
  • MapaTIC presenta un catálogo de máis de 1.400 produtos de 350 empresas tecnolóxicas
  • Facilita aos provedores TIC galegos a comercialización dos seus produtos e servizos e axuda outras empresas a atopar solucións que melloren a súa competitividade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de publicar no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (https://eira.mancomun.gal) o código fonte do Mapa de capacidades dixitais de Galicia (MapaTIC) baixo licenza libre. Esta liberación facilita a súa reutilización por parte doutras administracións, con iniciativas similares, dun portal web que achega a oferta de solucións TIC aos posibles demandantes das mesmas.

O MapaTIC é un dos servizos que ofrece o GaiásTech para achegar oferta de solucións TIC de Galicia aos posibles demandantes das mesmas, favorecendo así a transferencia de tecnoloxía e coñecemento dentro do propio sector tecnolóxico tamén entre este e o resto de sectores empresariais.

Mapa de capacidades dixitais de Galicia

Con máis de 350 entidades e máis de 1400 produtos ou servizos dados de alta, o MapaTIC é o catálogo máis completo e de libre acceso sobre as capacidades do sector tecnolóxico galego.

É un portal pioneiro dentro das administracións públicas lanzado no ano 2012, e do que xa se publicara o código fonte en 2015. Agora publícase en formato libre esta nova versión que supón unha remodelación tecnolóxica total.

Liberación do software e dos datos
Esta liberación do software do MapaTIC vén a completar a liberación dos propios datos que recolle e que están dispoñibles a través dunha API aberta que foi xa posta a disposición fai algúns meses no portal Abertos.  Deste xeito quedan dispoñibles para a súa reutilización tanto os datos como o software que permite a posta en marcha dunha iniciativa similar. Xunto coa liberación do Mapa, liberouse tamén o código fonte completo do portal do GaiásTech, ambos baseados na solución de software libre Drupal.

Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia
A publicación do Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia como Software Libre enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software.

Neste repositorio baseado na plataforma de software libre GitLab pódense atopar todos os proxectos e recursos de software que a Xunta de Galicia publica como software libre para facilitar a súa reutilización.
 

Fuente: Amtega