Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta cede preto de 130 equipos tecnolóxicos a entidades sen ánimo de lucro e centros educativos | Gaiástech

A Xunta cede preto de 130 equipos tecnolóxicos a entidades sen ánimo de lucro e centros educativos

imaxe_entrega
  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fixo entrega hoxe de 16 ordenadores, unha pizarra dixital e un proxector a catro asociacións cultuais e de veciños de Lobios
  • As entregas continuarán ao longo dos vindeiros meses no marco dun programa de cesión de material, impulsado pola Axencia e a Federación Galega de Municipios e Provincias
  • Esta iniciativa busca impulsar a reciclaxe e o alongamento da vida útil do equipamento e contribuír á redución da fenda dixital, facilitando o acceso a medios tecnolóxicos

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, fixo entrega hoxe de 16 equipos informáticos, unha pizarra dixital e un proxector a catro entidades sen ánimo de lucro para facilitarlles a súa actividade. Este reparto enmárcase nun programa de cesión de equipamento tecnolóxico, que permitirá dotar de preto de 130 ordenadores, pizarras e equipos periféricos a asociacións e entidades de toda Galicia.
Na xornada de hoxe, o director da Amtega entregou o equipamento á Asociación Cultural Escola Musical da Baixa Limia, á Sociedade Recreativa Musical da Banda Popular de Lobios e ás asociacións veciñais de Eira e Fondevila. As entregas continuarán ao longo do ano en diferentes fases.
A cesión deste material, propiedade da Xunta, está enmarcado no convenio de colaboración para a xestión do plan de reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT, subscrito pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O programa ten como finalidade promover o software libre e a soberanía dixital, potenciar o uso e consumo responsable dos equipos electrónicos e favorecer o alongamento da súa vida útil mediante a reutilización para diminuír os residuos electrónicos. A cesión tamén contribúe á redución da fenda dixital e á promoción dunha sociedade dixital máis igualitaria, así como á mellora do acceso a medios tecnolóxicos para o fomento do talento dixital. Neste sentido, a Amtega está a impulsar a reutilización de equipos informáticos e o alongamento da súa vida útil en todos os ámbitos a través do uso de software libre.
Desde 2014, a Amtega e a Fegamp veñen colaborando na promoción dos coñecementos e competencias dixitais da cidadanía e o impulso da innovación social dixital a través da colaboración e participación, para xerar emprego local e novas oportunidades para emprendedores locais, vencelladas á innovación social dixital.
Os acordos entre a Xunta e os concellos en materia de inclusión dixital permiten a actividade de 93 aulas CeMIT localizadas en máis de 90 municipios, repartidos por toda Galicia. Contan con máis de 120.000 usuarios, que participaron en máis de 600.000 horas de formación.

Fuente: Amtega