A Xunta difunde en Galicia o programa Kit-Dixital de Red.es, que se suma ás accións autonómicas, que destinaron en 2021 máis de 23 millóns de euros a apoiar á dixitalización das pemes | Gaiástech

A Xunta difunde en Galicia o programa Kit-Dixital de Red.es, que se suma ás accións autonómicas, que destinaron en 2021 máis de 23 millóns de euros a apoiar á dixitalización das pemes

Presentación Kit Digital
  • A Xunta colabora con Red.es na divulgación do programa para que empresas do sector tecnolóxico galego se sumen como dixitalizadores e as pemes galegas poidan beneficiarse da iniciativa
  • Máis de 70.000 pemes de Galicia poderán optar a estas axudas e as máis de 3.000 empresas do sector TIC da nosa Comunidade poden actuar como axentes dixitalizadores
  • O Gaias acolleu hoxe a primeira das actividades de difusión, na que participaron 133 asistentes e tivo máis de 1.000 inscricións para seguilo en liña
  • O programa Kit Dixital foi presentado hoxe na Cidade da Cultura pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o director de Red.es
  • A Xunta pon a disposición o Centro GaiasTech, as oficinas locais de Acelera Pemes e a rede de aulas Cemit para a difusión deste programa estatal financiado con fondos Next Generation e integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
  • A Xunta desenvolve o programa ReAcciona e accións específicas como o Cheque Dixital, o programa Galicia Exporta Dixital ou a liña de axudas para a dixitalización e marketing dixital de empresas turísticas
  • Estas accións enmárcanse na Estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu Eixo 7º promove o impulso e a dixitalización empresarial para a competitividade
  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, defendeu a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar eficacia nos programas de dixitalización
     

A Xunta difundirá en Galicia o programa de axudas Kit Dixital impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e enmarcado no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A primeira das actividades de difusión na nosa comunidade autónoma desenvolveuse hoxe na Cidade da Cultura coa participación de 133 persoas de xeito presencial e tivo máis de 1.000 inscricións para seguila en liña. Esta primeira presentación foi precedida dun acto no que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Red.es, Alberto Martínez.
Mar Pereira salientou na súa intervención a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar en efectividade nos programas de dixitalización que se levan a cabo no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O programa Kit Dixital presentado hoxe complementará as accións que leva a cabo a Xunta para a dixitalización das pemes e será desenvolvido con fondos Next Generartion por Red.es.  O programa conta cunha dotación de 3.000 millóns de euros para axudas a pemes.

A Xunta difundirá o programa Kit Dixital tanto en accións dirixidas a axentes dixitalizadores como ás propias pemes dos diferentes sectores de actividade. Farao a través de eventos específicos no GaiasTech, así como a través de enlaces á plataforma Acelera Pymes. Tamén puxo a disposición deste programa as oficinas locais de Acelera Pemes. Así mesmo, prestará soporte para a solicitude de axudas a través da rede de aulas CeMit.

Máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán optar a recibir estas axudas. Ademais, as máis de 3.000 empresas do sector TIC galegas poderán optar a participar no Kit Dixital como axentes dixitalizadores. Neste sentido, hai xa 250 empresas tecnolóxicas galegas interesadas en participar.

Na presentación de hoxe, o director de Economía Dixital de Red.es, Luis Prieto, explicou o programa aos asistentes, que puideron coñecer de primeira man experiencias de éxito en sectores como a panadería, a medicina ou a viticultura.

Apoio ás pemes no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030
Este programa complementa as accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para apoiar a dixitalización das pemes, que permitiron que no ano 2021 se destinaran máis de 23 millóns de euros a axudas. Ademais das achegas por importe de 7,4 millóns de euros para a dixitalización e a realización de obradoiros, a Xunta puxo en marcha liñas específicas, como o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros; o Cheque Dixital, con 4 millóns de euros, ou as axudas para a promoción dixital para a hostalería, con 6 millóns de euros.

A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha o programa ReAcciona, con convocatorias abertas ata o mes de abril de 2022. Esta acción ten como obxectivo capacitar ás pemes ante os novos retos e acelerar os procesos de mellora e incorporación de coñecemento ás súas estruturas. Dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixos de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu eixo sétimo “Economía Dixital e Sostible”, promove o impulso é dixitalización empresarial para a competitividade. 

Centro GaisTech
A Xunta puxo en marcha en 2021 o Centro GaiasTech na Cidade da Cultura de Galicia como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas ao servizo do ecosistema dixital galego. O centro conta cun catálogo de servizos á disposición das empresas de Galicia. Ademais da axenda tecnolóxica con máis de 100 eventos anuais, o GaiasTech Cloud, pon á disposición das empresas aplicacións informáticas na nube para facilitar a súa proba e aprendizaxe, o que axuda á toma de decisións sobre a incorporación das aplicacións na empresa.

O GaiasTech puxo en marcha recentemente o xemelgo virtual, que permite coñecer as súas instalacións e coñecer o equipamento dispoñible, visualizar as últimas actividades realizadas ou reservar espazos. Tamén traballa no desenvolvemento dun Mapa de Capacidades, un directorio de entidades con competencias tecnolóxicas, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

Dixitalización das empresas de Galicia
A práctica totalidade das empresas con 10 ou máis persoas empregadas en Galicia teñen contratados servizos de internet. Entre as micro-empresas (menos de 10 empregados) son un 81 por cento as que dispoñen destes servizos. En 2021, un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contaba con perfís tecnolóxicos no cadro de persoal. Nese ano, o 45,3% das empresas de Galicia de 10 ou máis persoas empregadas contaba con persoal que teletraballaba.

En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaban en 2021 dispositivos interconectados a través de internet, o que representou un incremento dun 41,7% con respecto ao ano anterior. Tamén subiu o uso do Big Data por parte das empresas galegas, así como o uso da intelixencia artificial.
 

Fuente: AMTEGA