Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta e as tres universidades elaborarán un marco ético sobre o uso da intelixencia artificial para garantir os dereitos fundamentais da cidadanía | Gaiástech

A Xunta e as tres universidades elaborarán un marco ético sobre o uso da intelixencia artificial para garantir os dereitos fundamentais da cidadanía

MANOS_PC
  • A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial estableceu o obxectivo de desenvolver esta tecnoloxía dun xeito ético e fiable, con respecto aos nosos valores e normas e ao servizo da cidadanía
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asina un convenio coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, elaborará xunto coas tres universidades da nosa Comunidade un marco ético sobre o uso das tecnoloxías intelixentes que garanta os dereitos fundamentais da cidadanía galega. Trátase dunha das medidas recollidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.

A implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable é un dos obxectivos das estratexias aprobadas pola Xunta, que indican que o desenvolvemento destas tecnoloxías deben respectar os nosos valores e normas, reforzar a súa presenza nas cadeas de calor da industria e, ante todo, servir á cidadanía.

A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial sinala, así mesmo, que unha aplicación fiable desta tecnoloxía debe basearse en tres compoñentes que deben satisfacerse ao longo de todo o ciclo de vida do sistema: debe ser lícita e cumprir con todas as leis e regulamentos aplicables; debe ser ética, de xeito que se garanta o respecto aos principios e valores; e debe ser robusta, tanto dende o punto de vista técnico como social, xa que a súa aplicación pode causar danos, mesmo accidentais.

Co fin de establecer as bases dunha intelixencia artificial fiable, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asinou un convenio co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Este acordo permitirá a realización dun estudo sobre o marco ético-normativo e o potencial impacto da adopción da intelixencia artificial en Galicia.

O estudo implicará un investimento de 150.000 euros, dos que 120.000 serán aportados pola Xunta e o resto polas universidades.

Grupos de investigación das universidades
O traballo será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que tamén se encargará de recompilar e aportar os datos da enquisa “sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas” do ano 2020 e primeiro trimestre de 2021, elaborada pola Instituto Nacional de Estatística.

Na investigación participaran os grupos de Empresa e Administracións, Sistemas Intelixentes e Valoración Financieira Aplicada, da Universidade de Santiago; os de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS), o Jean Monner de Competencia e Desenvolvemento, e o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), de Universidade da Coruña; e a Rede de Investigación de Gobernanza e Economía (GEN) da Universidade de Vigo.

A Universidade de Santiago de Compostela encargarase, entre outras tarefas, da análise de datos e elaboración do apartado “Estudo ético e normativo”. Consistira nunha análise da lexislación global e europea e a posibilidade de traslación no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a USC analizará o marco de sustentabilidade da intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para cumprir os obxectivos da dobre transformación dixital e o Pacto Verde europeo. Esta apartado estudará tamén os aspectos e implicacións éticas dos modelos de intelixencia artificial e a aplicación das tecnoloxías intelixentes.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña encargarase, entre outros aspectos, da análise de documentación e elaboración do apartado “Estudo das estratexia e deseño dun modelo de indicadores”. Analizará, neste sentido, a evolución estratéxica da intelixencia artificial nos ámbitos europeos, nacionais e rexionais, así como os seus sistemas de indicadores. A partir destes datos, a UDC deseñará os indicadores para avaliar os procesos coa finalidade de xerar modelos para actualizar estratexias existentes, así como elaborar follas de ruta ou futuras estratexias.

A Universidade de Vigo elaborará o apartado “Estudo relativo á aplicación da intelixencia artificial”. Para facelo, consultará aos sectores empresariais para analizar o potencial da intelixencia artificial e recoller propostas de regulación. Realizará tamén unha análise do impacto económico da intelixencia artificial nos sectores estratéxicos da economía galega. A UVigo tamén se encargará do tratamento e análise da información da enquisa do INE aportada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O Convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2022 e os asinantes poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un máximo dun ano máis.

Estratexia Galega de Intelixencia Artificial
A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño de 2021, mobilizará ata 2030 máis de 330 millóns de euros e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.

Entre os seus obxectivos, ademais da creación do marco regulamentario para o control e o avance ético, atópanse o de aumentar nun 25% as empresas que usan solucións dixitais avanzadas, aumentar nun 25% os servizos públicos nos que se aplica a intelixencia artificial crear unha oferta de 210 prazas en estudos de grao e mestrado no Sistema Universitario de Galicia.

Fuente: AMTEGA