Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta licita a execución do Centro de Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 6 M€ | Gaiástech

A Xunta licita a execución do Centro de Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas, que suporá un investimento de máis de 6 M€

centro ciberseguridade galicia
  • O Goberno galego prevé comezar as obras a principios do 2024 e poñer en marcha o novo centro en 2025, xa que os traballos teñen un prazo de 20 meses
  • O centro situarase no Parque Tecnolóxico de Galicia e contribuirá ao fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, na cidadanía e nas empresas
  • O complexo disporá dunha superficie útil de máis de 2.100 m² e configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal
  • O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, coas universidades galegas e co tecido empresarial do sector
  • Este proxecto é froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación
  • As empresas poderán presentar as súas ofertas para executar as obras ata o vindeiro 11 de setembro

A Xunta vén de licitar as obras para a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia nos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 M€.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia recolle esta contratación, cun prazo de presentación de ofertas que finalizará o 11 de setembro.

O Goberno galego prevé adxudicar as obras no outono e empezalas a principios do 2024. O obxectivo co que se traballa é poder poñer en marcha o novo centro no ano 2025, xa que as actuacións contan cun prazo de execución de 20 meses.

Este novo centro ten como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.

O edificio que albergará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, cunha superficie útil de máis de 2.100 m2.

O complexo acollerá os espazos de seguimento e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

As instalacións estrutúranse en catro elementos que expresan o seu carácter funcional no conxunto e que se articulan ao redor dun espazo central de acceso e circulacións en forma de disco horizontal con control visual directo aos espazos dos catro bloques.

A sala de operadores, que se aloxará nunha das pezas máis significativas da actuación na posición noroeste da parcela, albergará na súa planta superior os espazos servidores desta, como son o despacho, o laboratorio, a sala de crise e a sala de reunións.

No lado oposto, cara ao sueste, sitúase a peza de laboratorios e Centro Demostrador, que se organizan de modo que mediante paneis móbiles poden configurarse nun espazo conxunto para demostracións de maior envergadura. Estes espazos terán dobre altura, situándose nunha zona parcialmente superior unha sala de máquinas de climatización.

Na diagonal do eixo contrario, situación noroeste-suroeste, proxéctanse dúas pezas arquitectónicas análogas con dúas plantas, para usos administrativos, para aseos, espazos para uso interno do centro, para emprendedores ou para o alugueiro de empresas privadas. Estas dúas pezas análogas fórmanse mediante a disposición de dúas pezas arquitectónicas que se traban mediante unha fenda central de circulacións verticais e horizontais.
 

Innovación en ciberseguridade

O  Goberno galego impulsa o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia como punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades da sociedade. Coa posta en marcha do edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía baseado nas tecnoloxías.

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Fegamp, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

Este proxecto materializarase a través da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

Fuente: Amtega