Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Chega a 3ª edición do Curso Superior de Ciberseguridade promovido pola Amtega, en colaboración coa EGAP e o CCN | Gaiástech

Chega a 3ª edición do Curso Superior de Ciberseguridade promovido pola Amtega, en colaboración coa EGAP e o CCN

IIIED
  • Co obxectivo de afondar no coñecemento en ciberseguridade, tanto desde unha perspectiva técnico-xurídica como desde unha perspectiva práctica, este curso vai destinado a profesionais do eido tecnolóxico da administración autonómica, provincial e local de Galicia.
  • Este curso, con case 100 horas lectivas distribuídas en modalidade presencial, telepresenza e telefomación, será impartido o 25 de abril ata o 21 de xuño, e os interesados poderán inscribirse para solicitar praza dende o vindeiro luns ata o mércores 19 de abril

Tralo éxito de anteriores edicións, onde as solicitudes de praza chegaron case a triplicar a oferta delas, chega a terceira edición do Curso Superior en Ciberseguridade promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública e o Centro Criptolóxico Nacional. 

A solicitude de inscrición estará dispoñible dende o luns 17 ata o mércores 19 de abril, e a formación desenvolverase dende o 25 de abril ata o 21 de xuño de 2023.

Cunha duración de case 100 horas, o curso conta cos seguintes obxectivos:

  • Concienciar ao alumnado sobre a relevancia da ciberseguridade desde todos os ámbitos, desde a perspectiva normativa á técnica e, así mesmo, dotalo das boas prácticas precisas para previr e detectar contratempos no emprego de sistemas das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).
  • Dar a coñecer os aspectos relacionados coas políticas de seguridade na utilización dos medios electrónicos, que se recollen no Esquema nacional de seguridade (ENS).
  • Proporcionar ao alumnado unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas a que están sometidos e dos riscos que comporta o seu uso.

As modalidades de impartición é mixta, distribuíndose do seguinte xeito:  

  • 3 horas presenciais.
  • 30 horas de telepresenza.
  • 65 horas de teleformación.
  • 1 hora de exame final en liña.

Coma en anteriores edicións, esta formación vai destinada ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia, sempre que teña, en calquera das anteriores administracións, perfil en tecnoloxías da información e das comunicacións (pertencente a escalas de sistemas e tecnoloxías da información ou que realice funcións TIC) e que poida xustificar debidamente que as súas funcións están relacionadas coa materia impartida e que se encadren nas seguintes categorías:

  • Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.
  • Grupos I e II do persoal laboral.

Aínda que no caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán ser cubertas por persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, do subgrupo C1 do persoal funcionario ou do grupo III do persoal laboral con perfil en tecnoloxías da información e das comunicacións (pertencente a escalas de sistemas e tecnoloxías da información ou que realice funcións TIC) y que poida xustificar debidamente que as súas funcións están relacionadas coa materia impartida.

Os detalles completos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude de participación nesta actividade formativa só poderá realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible aquí.