Premiados dous proxectos galegos de innovación tecnolóxica no eido da ciberseguridade
- Dous proxectos de ciberseguridade resultan gañadores dos premios ao desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
- Os proxectos premiados foron "Repositorio de casos e escenarios de traballo para a aprendizaxe da informática forense", coordinado polo CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, e "Plataforma de retos de ciberseguridade. A gamificación no proceso de adquisición de competencias no ámbito da ciberseguridade", coordinado polol IES San Clemente de Santiago.
As características do mercado laboral e do escenario económico actual precisan do impulso dunha formación profesional en permanente evolución, con capacidade de adaptación á nova era dixital e ao modelo económico baseado no coñecemento e a innovación como forza impulsora.
A formación profesional en Galicia é axil, flexible e eficiente, estreitamente vinculada ás demandas formativas da poboación e ao impulso de valores como a creatividade, a innovación e o traballo en equipo, así como á estimulación do espírito emprendedor.
Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, impulsa iniciativas para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito da formación profesional. Así, convocou os premios a proxectos de innovación tecnolóxica, científica e didáctiva, nos que se fomente a colaboración do profesorado e do alumnado dos centros educativos de formación profesional con empresas e institucións da súa contorna, e tamén aqueles que impliquen unha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e a inserción laboral do alumnado. O obxetivo é fomentar o emprendemento e a aparición de novas iniciativas empresariais. Deste xeito, aqueles proxectos gañadores deberán desenvolverse e executarse ao longo do ano 2022.
O orzamento total destinado aos premios é de 800.000€, distribuíndose medio millón de euros a aqueles proxectos de innovación no ámbito da tecnoloxía e da ciencia, e o orzamento restante aos proxetos de innovación didáctica. Foron presentados preto dun cento de proxectos, resultando admitidos 95 entre as dúas modalidades, e premiados máis de 30.
Recentemente, a Consellería ven de facer pública a resolución dos proxectos premiados, entre os que se inclúen dous proxectos de innovación no eido da ciberseguridade: "Repositorio de casos e escenarios de traballo para a aprendizaxe da informática forense", coordinado polo CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol; e "Plataforma de retos de ciberseguridade. A gamificación no proceso de adquisición de competencias no ámbito da ciberseguridade", coordinado polol IES San Clemente de Santiago. Ambos proxectos recibiron un dotación económica de mais de 13.000€, a empregar como impulso para o seu desenvolvemento e execución ao longo deste ano.