Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta de Galicia pon en marcha 8 novos cursos para reforzar as competencias en materia de ciberseguridade de profesionais en distintos ámbitos industriais | Gaiástech

A Xunta de Galicia pon en marcha 8 novos cursos para reforzar as competencias en materia de ciberseguridade de profesionais en distintos ámbitos industriais

damian rey
  • Impartiranse no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia entre abril e xuño en modalidade online e son gratuítos
  • Suman máis de 180 horas de formación e, na maioría dos casos, permitirán ao alumnado obter certificacións profesionais recoñecidas
  • Esta iniciativa enmárcanse no programa RETECH Ciberseguridade, apoiado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE)

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego poñen en marcha un ciclo de 8 cursos de formación especializada en ciberseguridade destinados a reforzar as competencias dixitais do tecido empresarial e profesional galego nun ámbito estratéxico. 

Esta iniciativa enmárcase nun convenio de colaboración entre ambas entidades para reforzar a formación en ciberseguridade, dentro do Programa RETECH e do PRTR, a través de INCIBE. Esta mañá celebrouse a comisión de seguimento do acordo, na que participaron o director da Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia, Damián Rey; a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado; e o director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, Carlos Vázquez.

Estas accións formativas impartiranse entre abril e xuño no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) e integramente en modalidade online co obxectivo de facilitar a conciliación coa actividade laboral das persoas participantes e favorecer o acceso á formación desde calquera punto do territorio galego.

Con preto de 150 prazas ofertadas, os cursos son gratuítos e suman máis de 180 horas de formación. Na maioría dos casos, permitirán ao alumnado obter certificacións profesionais recoñecidas. Esta iniciativa complementa á xa ampla e consolidada oferta formativa en ciberseguridade coa que conta actualmente o CNTG, reforzando as oportunidades de especialización dispoñibles.

A continuación detállanse as formacións previstas:

• Curso multidisciplinar da seguridade dixital na industria 4.0 e protección de servizos esenciais - 6 ao 10 de abril de 2026

• Curso de Responsable de Ciberseguridade en IACS Coordinado por ISA España - 8 ao 11 de xuño de 2026 

• Curso de responsable de auditoría de ciberseguridade en contornas OT - 4 ao 7 de maio de 2026

• Curso Normativa de Ciberseguridade para Vehículos UNECE R155 - 20 ao 23 de abril de 2026

• Curso de ciberseguridade para vehículos eléctricos - 1 ao 9 de xuño de 2026

• Curso de Ciberseguridade nas Frotas de Vehículos - 18 ao 21 de maio de 2026

• SEC556 - IoT Penetration Testing - 27 a 29 de abril de 2026 

• FOR572 - Advanced Network Forensics, Threat Hunting, and Incident Response - 13 a 18 abril de 2026 

 

Os prazos de inscrición e toda a información sobre os cursos pódese consultar na páxina web do CNTG.

Fuente: Amtega