A Xunta destina preto de 18 millóns de euros a medidas para facer fronte á ciberdelincuencia | Gaiástech

A Xunta destina preto de 18 millóns de euros a medidas para facer fronte á ciberdelincuencia

Ciberdelincuente
  • O Goberno galego ten en marcha un decálogo de medidas de colaboración entre administracións e cos sectores privados; dotación de infraestrutura e posta en marcha de operacións, e formación e concienciación.
  • A Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022- 2027.
  • A Xunta aposta pola constitución do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, cun investimento duns 3,5 millóns de euros.
  • As administracións autonómica e locais, así como outras entidades públicas, como as universidades, dispoñen dun acordo marco aprobado pola Xunta para contratar servizos de ciberseguridade por un importe estimado de 8,2 millóns de euros.
  • O programa Re-acciona da Xunta inclúe un servizo de implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas.
  • Desde o pasado 21 de febreiro, a Xunta participa na actuación coordinada polos ministerios de Defensa e Interior para o reforzo das medidas de ciberseguridade nos ámbitos gobernamentais ante un risco elevado de ciberataques.

O Consello de Goberno recibiu hoxe o “Informe de medidas en materia de ciberseguridade lideradas pola Xunta de Galicia”, que fai referencia a actuacións en marcha ou que comezarán a aplicarse en 2022 que suman investimentos de preto de 18 millóns de euros.

O informe destaca que Galicia sufriu case 20.000 estafas a través de medios telemáticos en 2021 e que un de cada catro delitos cometidos en 2021 foron estafas de tipo telemático. Manifesta que en liñas xerais, os ataques son máis profesionais e sofisticados, con novas formas de infracción, extorsión e pagamento. O texto sinala así mesmo, que no momento actual existe unha situación de ameaza aos servizos públicos, de abastecemento e de información. Ante esta situación, a Xunta reforza as súas actuacións para combater a ciberdelincuencia e participa dende o pasado 21 de febreiro en actuacións coordinadas polo CCN do Ministerio de Defensa e polo Ministerio de Interior.

O informe enmarca as actuacións da Xunta en materia de ciberseguridade nun decálogo de medidas de tres tipos: as infraestruturas e operacións, a estratexia de colaboración público – privada, e a formación e concienciación.

Infraestruturas e operacións

Este ano, a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros. A Xunta considera chave o CECIGA para o desenvolvemento da estratexia de ciberseguridade de Galicia, que ten como obxectivo desenvolver este ámbito como motor de transformación económica e social.

O informe presentado hoxe refírese tamén ao Proxecto de mellora da seguridade na Administración de xustiza de Galicia, que se atopa en marcha cun investimento de ao redor de 2 millóns de euros e implanta ferramentas do Centro Criptolóxico Nacional e plataformas técnicas para mellorar o nivel de ciberseguridade no ámbito da Xustiza.

Outra das medidas que forma parte do decálogo é o Acordo Marco que oferta servizos de seguridade a todos os departamentos das administracións públicas autonómica e local e outras entidades públicas. Este instrumento permite investimentos estimados en 8,2 millóns de euros.

Ao logo deste ano, a Xunta prevé incorporarase á Rede Nacional de Centros de Operacións en Seguridade (SOCs), que complementará a ampla coordinación entre a Xunta e o Goberno de España, que se reflicte, entre outros aspectos, no equipo de respostas ante emerxencias informáticas CSIRT.gal que conta con presenza na rede de CSIRT.es.

Tamén se porá en marcha este ano o Proxecto de servizos de ciberseguridade ás entidades locais, cidadanía e as empresas.

Estratexia de colaboración público privada

A Xunta de Galicia lidera desde a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. 

Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027 que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

Formación e concienciación

O Goberno galego porá en marcha unha campaña para concienciar a cidadanía galega sobre a importancia da ciberseguridade e para mellorar as capacidades no uso da tecnoloxía dixital. O investimento previsto é de ao redor de medio millón de euros.

A Xunta desenvolve tamén un servizo de definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas galegas a través do programa Re-acciona.