Decembro Maker Talks
A Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense acollerá entre o 16 e o 17 de decembro os encontros de Cultura Dixital 'Decembro Maker Talks', un evento organizado pola Deputación provincial, no marco do proxecto transfronteirizo 'Emprende Makers', que se centrará na innovación e a tecnoloxía, abordando temas como o Internet das Cousas, a robótica, a impresión 3D ou os videoxogos.
Programa:
A programación dos encontros terá catro eixos principais, o primeiro deles baixo o título de 'Espazos conectores'. Nel, os relatores abordarán diferentes aspectos dando protagonismo a entidades e asociacións que ofrecen espazos nos que se combina arte e cultura, emprendemento e sectores relacionados coa tecnoloxía, como os laboratorios cidadáns ou os espazos coworking.
O segundo dos bloques será o de ecosistema dixital "Do hacker ao maker".
Desde a organización explicaron que a "cultura maker" é unha subcultura contemporánea que representa "a extensión da cultura do it yourself", é dicir a cultura de facelo uno mesmo. Baséase na creación e o perfeccionamento de distintas ferramentas para resolver problemas da vida cotiá.
'ARGALLEIROS'
Neste bloque daranse a coñecer o estado actual da impresión 3D e algunhas claves sobre seguridade na rede da man dun experto hacker e ademais presentarase 'Argalleiros', "unha guía maker para Galicia e o norte de Portugal".
Negocios e tecnoloxía é o terceiro dos tres eixos e nel tratarán a transformación dixital, as tendencias no mundo da tecnoloxía e preguntas sobre a adaptación dos modelos de negocio para enfrontarse aos novos retos dixitais.
O último punto a tratar serán os videoxogos, "un dos sectores económicos máis puxantes na actualidade e cun maior potencial de crecemento", segundo explicou o director da Escola Superior de Enxeñería Informática, Francisco Javier Rodríguez.
Entre os relatores para esta xornada, que pechará o encontro o día 17 de decembro pola tarde, a cofundadora e produtora do estudo Platonic Games, Valeria Castro, ata o director de PlayStation Iberia, Roberto Yeste.
RESTO DE PANEIS
En canto ao resto de paneis, os invitados abarcan os distintos ámbitos desde membros do coworking e coliving Sende, o primeiro coworking no rural, ata responsables do Laboratorio Dixital Fab Lab León; deseñadores gráficos ou avaliadores de proxectos de innovación e ciberseguridade para a Comisión Europea.
Ademais durante a última sesión tamén se entregarán os premios do concurso Talento Maker posto en marcha no marco do proxecto 'Emprende Makers', no que se convida a mozos de entre 12 e 30 anos a presentar proxectos encadrados nas catro áreas maker.
O proxecto 'Decembro Maker Taks' forma parte do "Emprende Makers", aprobado na segunda convocatoria do Programa Interreg España-Portugal 2014-2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER. Unha iniciativa que pretende crear e desenvolver unha rede de emprendemento baseada en centros de fabricación dixital.
Interveñen
Organiza:
Deputación de Ourense
Máis Información
Máis información nesta ligazón.

Cando?
16 Dec 2022 - 17 Dec 2022