STEM Lab CIENCIA KIDS®: Campamento de ciencia e tecnoloxía | Gaiástech

STEM Lab CIENCIA KIDS®: Campamento de ciencia e tecnoloxía

Lar de Endesa - As Pontes
  • A Asociación Informática Amigus organiza en colaboración con CIENCIA KIDS® e a Deputación da Coruña, un campamento de ciencia e tecnoloxía do 1 ao 5 de Agosto no Lar de Endesa de As Pontes en horario de 9:00 a 14:00. Está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €.
  • STEM Lab CIENCIA KIDS® é un Proxecto deseñado e executado por Mª Teresa Seijas Ferreiro, titulada en Enxeñería Química, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e que na actualidade exerce a súa profesión como Profesional de Ensino Superior e Divulgadora Científica, para espertar o entusiasmo pola Ciencia, a Enxeñería e a Tecnoloxía. Talleres creativos e innovadores, onde se fomenta o traballo en equipo, realizados co máximo rigor científico e pedagóxico pero, sen esquecer o carácter lúdico. Dirixido a estudantes de 6 a 14 anos.

Programa:

Talleres participativos, divertidos e innovadores adaptados para nenos de 6-14 anos. Coa realización destes talleres de ciencia búscase proporcionarlles aos mozos a unha base dun pensamento lóxico deductivo. Desenvolvendo iniciativas que espertan o interese pola ciencia e a investigación, favorecendo así o desenvolvemento da nosa sociedade.

Actividades interactivas onde se farán experimentos científicos axustados en contidos que todos os participantes poden levar a cabo. Coa realización destes experimentos foméntase o traballo en equipo, a elaboración de hipótese e a experimentación con materiais, para despois desenvolver pensamentos que boten á luz o que sucede e así reflexionar sobre os resultados.

A sociedade actual está a enfrontarse a novos retos que demandan perfís profesionais especializados en resolución de problemas, con capacidade para innovar e explotar as posibilidades que ofrecen as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs). Neste contexto social, tecnolóxico e laboral emerxe o termo STEM (Science, Technology, Engineering, Mathematics). Os beneficios da educación STEM son: aprenden mediante a experimentación en primeira persoa, utilizan tecnoloxías emerxentes, fomenta o traballo en equipo, adestra a resolución de problemas, potencia as habilidades comunicativas, adestra o pensamento lóxico matemático, etc. Representa un método de ensino para a construción de coñecemento e o desenvolvemento de destrezas necesarias para aplicar nos diferentes escenarios e situacións da vida.

A robótica, do mesmo xeito que outras tecnoloxías, é unha gran ferramenta educativa que, usada adecuadamente, potencia capacidades dos alumnos como a matemática e a tecnolóxica, a capacidade de aprender a aprender, a capacidade no tratamento da información dixital ou iniciativa persoal. Potencia tamén a creatividade e fai aumentar a súa curiosidade e ganas por crear e construír as súas ideas ou solucións aos problemas que se enfrontan.

Probablemente oísemos falar das impresoras 3D no campo industrial ou no ámbito da sanidade, pero grazas ás posibilidades que ofrece esta nova tecnoloxía, introducila no sistema educativo é un acerto. Xa se comprobaron algúns beneficios que achega utilizar esta tecnoloxía, por exemplo, no ámbito da sanidade. No ámbito educativo, a utilización deste novo instrumento achegará numerosos beneficios: fomenta a aprendizaxe interdisciplinar e o traballo en equipo, melloran o ensino e axudan a aclarar conceptos.

Desde que o Físico Nicholas Kurti e o profesor de química Hervé This acuñaron o termo “Gastronomía Molecular” en 1988 fomos testemuñas dunha verdadeira revolución na cociña. Ser cociñeiro é unha das profesións que está de moda e os asuntos de cociña acaparan todos os medios, non só no sector, tamén a pé de rúa. O mundo culinario ofrece unha excelente plataforma para achegar fenómenos complexos da física e a química ao público e permítelles comprendelos a través de sistemas moi próximos. A cociña é pura ciencia, non hai forma de entender a cociña se non é mediante reaccións químicas e biolóxicas.

Interveñen

kids

Cando?

01 de Agosto de 2022
09:00 - 14:00h

Onde?

Lar de Endesa - As Pontes