A Amtega participou no Espazo TiSEC, o evento ¡Socorro! organizado pola reputada Revista SIC

A reputada Revista SIC, especializada no campo da seguridade da información, celebrou o pasado 15 e 16 de marzo o Espazo TiSEC - ¡Socorro!, Centros de Operacións de Ciberseguridade. No espazo tivo representación Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia polo papel que abarca na centralización da xestión da ciberseguridade a nivel autonómico na nosa comunidade.
O Espazo TiSEC da Revista SIC, contou co evento ¡Socorro!, celebrado o 15 e 16 de marzo de 2023, en Madrid, para contribuír ao mellor desenvolvemento e evolución dunha área fundamental do sector da ciberseguridade que hoxe crece de forma acelerada pero que terá que afrontar un proceso de concentración e consolidación.
No marco do evento, o día 16 de marzo, organizouse un Módulo sobre a centralización da xestión da ciberseguridade a escala autonómica, onde, ademais de Cataluña, País Vasco e a Comunidade Valenciana, a comunidade galega tivo un papel relevante a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), representada no acto por Gustavo Herva (Xefe da Subárea de Seguridade da Amtega).
Galicia expuxo o modelo de xestión das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no sector público autonómico poñendo en valor, de forma inherente, a importante labor do Centro Autonómico de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade (CSIRT.gal). Ademais, a intervención da Amtega apuntou todos os servizos que CSIRT.gal presta dentro do seu ámbito de actuación: Administración Xeral da Xunta de Galicia e sector público autonómico, Administración Local, Ámbito de Xustiza e ámbito de Educación principalmente.
Entre os servizos de CSIRT.gal destacan a supervisión da ciberseguridade, a vixilancia dixital, a ciberintelixencia, a xestión de eventos e información de seguridade, monitorización e resposta a incidentes, auditorías técnicas e normativas, xestión de plataformas de ciberseguridade e tamén a formación e concienciación na materia.
Indicáronse datos sobre o alcance de certos servizos e proxectos pilotados a través do CSIRT.gal, así como aquelas iniciativas de reforzo adicionais, como son os Acordos Marco no ámbito da ciberseguridade da Xunta, o Nodo CIBER.gal, o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia e a campaña #CiberEsther, entre outras.
A intervención finalizou coa exposición do roteiro de Galicia no curto prazo nesta materia, grazas á firme aposta da Amtega pola que se continuará traballando no deseño, execución e implantación de iniciativas para mellorar a ciberseguridade.
O detalle do programa completo pode consultarse aquí.
Para información global do evento, consultar esta ligazón.