Ata o 10 de setembro estará aberto o prazo de matrícula para a 2ª promoción do Título de Especialista en Ciberseguridade Industrial

- Este venres tivo lugar a clausura do Título de Especialista de Ciberseguridade Industrial da Universidade de Vigo, que esgotou na súa primeira promoción as 30 prazas dispoñibles.
- Os recén titulados teñen ante eles un "futuro laboral moi potente", destacou o Director Xeral de Digital Industries de Siemens, José Ramón Castro, quen acudiu á cita xunto co vicerreitor Xosé Luis Míguez, que destacou a presenza do profesorado de primeiro nivel como Ignacio Armesto, Director do Titulo; Juan Jesús Pardo Expósito, Director técnico e de negocio de Tecdesoft; e Antonio Fernandes, recoñecido hacker e cibersecurity manager de Finsa.
- Ata o 10 de setembro está aberto o período de inscrición e matrícula para a nova edición, que se desenvolverá de xeito virtual os venres pola tarde e sábados pola mañá dende outubro ata xuño de 2023.
A Universidade de Vigo celebrou o pasado venres a clausura da primeira edición do curso de especialista en ciberseguridade industrial, unha formación única en Galicia e cuxa primeira edición esgotou as prazas ofertadas. Os recén titulados teñen #ante si “un futuro laboral potente”. Así o destacou José Ramón Castro Silva, director xeral de Dixital Industries de Siemens.
No acto de clausura tamén participaron o vicerreitor José Luis Míguez, que destacou a presenza de profesores da UVigo e a industria; o director do curso, Ignacio Armesto; Juan Jesús Pardo Expósito, director técnico e de negocio de Tecdesoft; e Antonio Fernandes, cibersecurity manager de Finsa.
De igual xeito que outros sectores, a transformación dixital do sector industrial cara unha Industria 4.0 supón numerosas vantaxes, pero tamén implica a aparición de novos riscos que requiren de profesionais especializados que acheguen a protección adecuada ás compañías e aos procesos produtivos. De feito, o informe Galicia 2030: Proposta de novas titulacións para o SUG sinala o eido da ciberseguridade na contorna industrial como un dos nichos laborais de futuro que requiren dunha formación específica que ata agora non existe na comunidade autónoma.
A Universidade de Vigo apostou pola formación específica en ciberseguridade neste campo, poñendo en marcha por primeira vez o pasado 13 de xaneiro o Título Propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial.
Tralo éxito da súa primeira edición, en colaboración coa Escola Aberta de Formación Permanente, lanza unha segunda edición deste título para a cal xa está aberto o prazo de inscrición ata o próximo 10 de setembro.
A formación pretende ser unha ampla introducción sobre o estado actual das técnicas de ciberseguridade aplicadas nas plantas industriais (OT).
O obxectivo final do título é proporcionar ao profesional deste sector coñecementos prácticos actualizados e eficaces sobre as solucións máis modernas do mercado da ciberseguridade no ámbito de control, operación e comunicación de procesos industriais.
O título está orientado a persoas tituladas universitarias de primeiro e segundo ciclo cuxa dedicación profesional vaia encamiñada á implantación, mantemento e xestión de sistemas automatizados no ámbito industrial.
A segunda edición, que está dispoñible tamén para un máximo de 30 persoas, dará inicio en outubro de 2022, en modalidade virtual síncrona, ata xuño de 2023, os venres pola tarde e sábados pola mañá.
Para máis información, pode consultarse a páxina web da Universidade de Vigo: aquí.