A Axencia Galega de Innovación lanza unha nova licitación pública para a contratación de sistemas e ferramentas de 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) | Gaiástech

A Axencia Galega de Innovación lanza unha nova licitación pública para a contratación de sistemas e ferramentas de 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR)

CIAR
  • A Axencia Galega de Innovación lanza unha licitación pública de ferramentas de ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas co obxectivo de dotalo dun sistema de comunicacións e navegación seguro e avanzado. 
  • Cunha duración de 14 meses, estará financiado ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do COVID-19.

Hoxe a Axencia Galega de Innovación (GAIN) publica unha nova licitación de compra pública de innovación de sistemas e ferramentas de 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) en liña coa iniciativa estratéxica Civil UAVs. 

A Civil UAVs Initiative é unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa que, impulsada pola Xunta de Galicia mediante un esquema de colaboración público-privada, ten como obxectivo atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas e de vehículos non tripulados orientados a mellorar a prestación de servizos públicos no ámbito civil, dando resposta a un conxunto de retos do sector público. O primeiro período operativo desta iniciativa desenvolveuse durante 2015-2020 e A Xunta de Galicia decidiu impulsala durante un novo período de cinco anos.

A Civil UAVs 2021-2025 estrutúrase a nivel programático en dous niveis: programas e actuacións, onde a presente licitación refírese a un Laboratorio 5G en Rozas e a súa área de Influencia e ao sistema de ciberseguridade das telecomunicacións.

O contrato estará financiado ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do COVID-19, cun orzamento basee de licitación de 3.997.000,00 con IVE. 

Deseño, desenvolvemento e operación dun conxunto de ferramentas de ciberseguridade, nos ámbitos das comunicacións e o posicionamento por satélite, para a súa posta a disposición no CIAR.

Un elemento esencial para o funcionamento dos sistemas de posicionamento por satélites tales como GPS ou GALILEO é o aseguramento da seguridade do seu funcionamento desde todos os puntos de vista. Por outra banda, as comunicacións supoñen un dos retos tecnolóxicos clave para que as aplicacións e servizos con RPAS/UAS poidan alcanzar as prestacións e os niveis de automatización e extensión das operacións que permitan explotar todo o seu potencial. Calquera ataque malintencionado contra algún destes sistemas, comunicacións ou GNSS xera case con total seguridade unha situación de risco para o control e navegación da aeronave.

O obxecto deste proxecto, por tanto, é dotar ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas de compoñentes de ciberseguridade que poidan ser empregados en futuros ensaios de aeronaves como parte do sistema de seguridade de voos. Por iso deséxase adquirir o desenvolvemento e a implementación de sistemas de ciberseguridade que aborden estes dous sistemas: as comunicacións e os sistemas de posicionamento por satélite.

Os elementos que se pretende desenvolver son:

  • Algoritmo para a detección de ataques á rede de comunicacións do UAS.

  • Sistema de detección de ataques á rede de comunicacións do UAS.

  • Algoritmo para detección de jamming GNSS, combinando potencia de sinal físico con taxa de recepción de paquetes.

  • Algoritmo para detección de jamming e spoofing GNSS mediante o uso de dobre antena.

  • Algoritmo para detección de spoofing GNSS a nivel de sinal físico.

  • Sistema de detección de ataques ao sinal de navegación por satélite do UA a nivel de sinal físico.

  • Algoritmo para detección de spoofing GNSS baseado en datos de navegación do receptor.

  • Algoritmo para detección de spoofing GNSS baseado en hibridación con datos doutros sensores.

  • Sistema de detección de ataques ao sinal de navegación por satélite do UA baseado en datos de navegación do receptor e hibridación con datos doutros sensores.

Os licitadores poderán agrupar estes compoñentes nos equipos e sistemas que consideren máis axeitados, a fin de prover un ou varios conxuntos de hardware e software que respondan a estas necesidades.

A duración máxima do proxecto será de 14 meses desde a formalización do contrato.

Pódese acceder á publicación da licitación: aquí