Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia entra a formar parte da Alianza Global de Ciberseguridade | Gaiástech

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia entra a formar parte da Alianza Global de Ciberseguridade

Imaxe por defecto - Noticia
  • Trátase dunha iniciativa internacional e intersectorial, da que forman parte máis de 130 empresas e institucións, dedicada a reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado
  • Esta adhesión fortalece o ecosistema do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acaba de asinar un acordo de adhesión á Alianza Global de Ciberseguridade (GCA). Esta incorporación permitirá achegar o labor desta importante organización internacional ao ecosistema galego de ciberseguridade, agrupado no Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.

A adhesión da Axencia comezou a xestarse coa colaboración con Dominio PuntoGal, entidade que forma parte da GCA e tamén de CIBER.gal. A Axencia galega e a Alianza Global de Ciberseguridade acordaron poñer en marcha iniciativas de colaboración na protección do Internet das Cousas; abordarán accións de divulgación; e explorarán unha colaboración reforzada a través da futura incorporación da GCA ao Nodo CIBER.gal.

Esta incorporación, ademais de fortalecer o ecosistema creado en torno ao Nodo, reforza a súa presenza internacional e a posición de Galicia como rexión pioneira na sensibilización, concienciación e investigación neste ámbito. A colaboración coa GCA aportará valor ao aliñarse co obxectivo de reforzar a ciberseguridade para a cidadanía, empresas e Administracións Públicas.

Philip Reitinger, presidente e CEO da Global Cyber Alliance, indicou que con este acordo se amplía a valiosa colaboración con socios activos e cunha forte implantación en Galicia, que teñen a visión de levar a ciberseguridade máis lonxe. Engadiu, neste sentido que a Axencia “e o seu magnífico labor na posta en marcha do Nodo CIBER.gal, é un aliado extraordinario para conseguir avanzar na nosa misión".

Global Cyber Alliance (GCA) é unha iniciativa internacional e intersectorial formada por máis de 130 empresas e institucións dedicada a reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado. GCA crea comunidades para despregar ferramentas, servizos e programas que proporcionen ciberseguridade a escala mundial.

Fuente: Amtega