Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta dúas novas guías sobre accesibilidade na tecnoloxía e liberación de Intelixencia Artificial | Gaiástech

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta dúas novas guías sobre accesibilidade na tecnoloxía e liberación de Intelixencia Artificial

GENERICA
  • Estes documentos ofrecen recomendacións para garantir tecnoloxías accesibles e establecen un marco para liberar proxectos de IA seguindo os principios do software libre
  • Ambas publicacións enmárcanse no Plan de Software Libre da Xunta e buscan impulsar un ecosistema tecnolóxico máis transparente, colaborativo e accesible

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía os recursos dispoñibles no portal Mancomún.gal coa publicación de dúas novas guías que buscan facilitar o desenvolvemento tecnolóxico accesible e promover a apertura de proxectos de intelixencia artificial.

Estes documentos están orientados tanto a profesionais do sector como a entidades públicas e privadas interesadas en impulsar solucións máis inclusivas e abertas. Ambas guías combinan un enfoque didáctico cunha visión práctica para a súa implementación.

Guía de accesibilidade na tecnoloxía

A "Guía de accesibilidade en tecnoloxía” proporciona un marco de referencia para deseñar tecnoloxías accesibles, recollendo boas prácticas e recomendacións para garantir que os servizos dixitais sexan inclusivos para todas as persoas. A publicación aborda aspectos como a importancia da accesibilidade como un dereito fundamental e a súa relación coa usabilidade e o deseño para todas as persoas; normativas e estándares vixentes; ou as distintas necesidades de accesibilidade segundo os tipos de discapacidade.

Guía de liberación de intelixencia artificial

A "Guía de liberación de intelixencia artificial" ofrece pautas para garantir que unha intelixencia artificial liberada cumpra cos principios de transparencia e accesibilidade. O documento afonda, entre outros aspectos, na importancia dos datos de adestramento, incluíndo a súa orixe, características e proceso de etiquetado; na necesidade de liberar non só o código fonte, senón tamén os modelos, parámetros e especificacións técnicas; ou nas boas prácticas para documentar e fomentar a colaboración na mellora dos modelos de IA.

Ademais, esta guía ten en conta a recente definición da Open Source Initiative (OSI) sobre os proxectos de intelixencia artificial de software libre, na que se establecen os criterios que debe cumprir unha IA para ser considerada aberta. 

Plan Anual de Software Libre

Estas guías enmárcanse no Plan de acción en materia de Software Libre 2025, que recolle diferentes actuacións para promover o emprego e reutilización de software libre nas administracións públicas; impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para o tecido empresarial e incrementar o seu uso e coñecemento entre a cidadanía.

Fuente: Amtega