A canción galega AI-LALELO clasifícase para a final da Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial

- Só 15 das 100 cancións candidatas lograron o seu pase á final, con propostas de países como China, Reino Unido ou Corea do Sur
- O televoto e un xurado decidirán a partes iguais o gañador desta particular edición de Eurovisión que se celebrará o 6 de xullo en Liège (Bélxica)
- AI-LALELO é unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura
- O equipo pide o voto en masa pola canción, para lograr unha candidatura gañadora nesta Eurovisión tecnolóxica
Tras dúas semanas de deliberación, o xurado profesional do AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, decidiu que a canción galega AI-LALELO competirá na final do concurso o próximo 6 de xullo en Bélxica.
O tema impulsado por un equipo de Galicia competirá xunto a outras 14 cancións de países como Países Baixos, China, Tailandia, Reino Unido, Suecia, Estados Unidos, Corea do Sur, Francia e Alemaña. A axencia creativa compostelá CECUBO Group lidera esta iniciativa, co xornalista galaico-catalán Joel Cava á fronte.
A candidatura galega fora presentada o pasado 1 de xuño, ao igual que as máis de 100 propostas de todo o mundo, nunha semifinal interna. Tras esta primeira fase, o xurado de especialistas en intelixencia artificial, escolleu as 15 cancións que se enfrontarán na final do AI Song Contest. Os expertos emitiron un veredicto onde destacaron que as cancións finalistas “brillan pola súa diversidade xeográfica, cultural e algorítmica”.
A cidadanía xa pode votar
Ata o vindeiro 30 de xuño, o público poderá votar de balde pola súa canción favorita a través da páxina oficial do festival. O gañador decidirase pola suma dos puntos do 50% do televoto e dun 50% do xurado e anunciarase na gala do 6 de xullo.
O equipo, baixo o nome de PAMP! (Proxecto Ana María Prieto, en homenaxe á primeira programadora galega), está composto por un grupo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos. O seu obxectivo é promover a lingua e cultura de Galicia no eido internacional a través das novas tecnoloxías.
"Chegar á final supón un éxito para toda Galicia xa que permite amosar a nosa cultura ao mundo e reivindicar o talento galego no eido da intelixencia artificial", celebra o equipo PAMP! quen pide á cidadanía que vote en masa pola canción, para que Galicia logre unha candidatura gañadora nesta particular edición de Eurovisión.
Nun proceso creativo de 4 meses, o equipo galego compuxo AI-LALELO a partir da intelixencia artificial aplicada á composición da letra, harmonías, instrumentos e videoclip da canción, cuxo éxito está avalado polas máis de 9.000 reproducións acumuladas nas distintas plataformas de streaming. A iniciativa supón un proxecto punteiro no uso da intelixencia artificial, posicionando o talento galego como referente neste eido. A axencia compostelá CECUBO Group, impulsora do proxecto, é punteira na aplicación de intelixencia artificial na comunicación.
Co resultado final, o grupo de traballo concluíu que a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega. Tamén descubríronse, coa obtención de liñas melódicas moi próximas ao estilo trobadoresco, fortes vínculos históricos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués.
PAMP! está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; a ferrolá Sofía Oriana, especialista en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor ourensán de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; o vigués David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital pontevedresa responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group.
No caso de que a candidatura gañe con AI-LALELO a terceira edición deste certame, sumaríase ao histórico de vencedoras dos anteriores anos xunto a Beautiful the World de Australia (2020) e Listen To Your Body Choir de Estados Unidos (2021).
Videoclip
AI-LALELO – Galicia – AI Song Contest 2022
Proceso creativo
O proceso para compoñer a canción durou catro meses, comezando por lograr que o modelo GPT-3 aprendese a falar galego e a compoñer copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase.
A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal, o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No tocante á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata de xeito artificial.
Xa na fase final, engadíronse as voces, un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.
Co resultado final, o grupo de traballo concluíu que a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega. Tamén descubríronse, coa obtención de liñas melódicas moi próximas ao estilo trobadoresco, fortes vínculos históricos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués.
Sobre Cecubo Group
Cecubo Group é unha consultora especializada en business intelligence aplicada á comunicación e márketing. Con sede en Santiago de Compostela, Madrid e Lisboa, dende o ano 2011 ten desenvolto proxectos en España, Portugal, México e Panamá. Entre os seus servizos atópanse o desenvolvemento de estratexias para empresas e institucións, a xestión integral da comunicación e o deseño e implementación de sistemas de métricas para departamentos de comunicación.
Sobre o AI Song Contest 2022
O AI Song Contest naceu en 2020 impulsado pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Despois de dous anos en marcha, Galicia estréase nesta terceira edición do certame, organizado pola comunidade científica á marxe da grande pantalla.
Só 15 candidaturas clasificáronse para a gala final que terá lugar o seguinte 6 de xullo na Wallifornia Music & Innovation Summit de Liège (Bélxica), a feira da música escrita por intelixencia artificial por excelencia. Un panel de expertos en IA e o televoto decidirán o gañador. Australia venceu o concurso inaugural con Beautiful The World, oda eurovisiva adicada á fauna e flora autóctonas tras sufrir o continente oceánico en 2019 os seus peores incendios, mentres Estados Unidos triunfou o ano pasado con Listen To Your Body Choir.