Enredando Tour inicia a súa terceira edición para achegar aos maiores, especialmente do rural, as vantaxes da tecnoloxía con seguridade
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou en Silleda esta nova edición que levará a cabo a Cruz Vermella, en colaboración coa Amtega
- Esta edición percorrerá durante os meses de verán, en horario de 10.00 a 14.00 horas, 20 localidades das catro provincias galegas
- Os veciños poderán acceder a contidos formativos sobre o uso da tecnoloxía na vida cotiá, achegarse a aplicacións que empregan IA e participar en sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade
- Como novidade, están programados tamén obradoiros para mellorar a capacitación dixital en persoas que estean á procura ou mellora de emprego
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a posta en marcha da terceira edición de Enredando Tour para achegar aos maiores, especialmente do rural, as vantaxes da tecnoloxía con seguridade.
Durante a inauguración desta nova edición, Miguel Corgos destacou que persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), será o encargado de impartir os obradoiros, durante os meses de verán e en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Así, nesta edición Enredando Tour percorrerá 20 localidades das catro provincias galegas, comezando por Silleda e achegándose, posteriormente, a Forcarei, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Barbadás, Ourense, A Rúa, Celanova, Carballiño, Cabana de Bergantiños, Tordoia, Trazo, Frades, Boiro, Vilalba, Guntín, Mondoñedo, Ribadeo e Foz.
Intelixencia artificial, ciberseguridade e banca electrónica
Os veciños destas localidades poderán acceder a contidos formativos sobre o uso da tecnoloxía na vida cotiá, ademais de achegarse a aplicacións que empregan intelixencia artificial e a conceptos como a realidade inmersiva.
Así mesmo, terán a oportunidade de participar en sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade. “E, este ano, como novidade, están programados tamén obradoiros para mellorar a capacitación dixital en persoas que estean á procura ou mellora de emprego”, engadiu o conselleiro, recordando que, ao longo das dúas primeiras edicións, preto de 50 persoas de Cruz Vermella, entre voluntarios e persoal técnico, percorreron máis de 3.000 quilómetros para levar a máis de 600 persoas de 42 concellos este proxecto.
“Queremos que toda a cidadanía poida desenvolverse con autonomía e confianza na contorna dixital, especialmente os colectivos con máis dificultades de acceso á tecnoloxía”, dixo, facendo fincapé na importancia de iniciativas como Enredando Tour, que complementan o labor que, desde a Xunta, se impulsa a través da Rede CeMIT. Unha rede de aulas públicas na que se ofrece capacitación dixital gratuíta para todos os niveis, con especial atención aos colectivos máis vulnerables á fenda dixital.
Cómpre salientar que a actividade da Rede CeMIT contribuíu a que, só nos últimos catro anos, máis de 15.6000 persoas maiores de 65 anos se incorporasen ao uso da tecnoloxía en Galicia.