Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Galicia aproba a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) ata 2027 co obxectivo de acadar unha mobilización público-privada de preto de 5.000 M€ | Gaiástech

Galicia aproba a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) ata 2027 co obxectivo de acadar unha mobilización público-privada de preto de 5.000 M€

ris3
  • Feijóo sinala que o obxectivo é triplicar no 2027 a porcentaxe de empresas innovadoras, tanto en produto como en proceso

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a aprobación da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) ata 2027, co obxectivo de acadar unha mobilización público-privada de preto de 5.000 millóns de euros, co dobre obxectivo de avanzar cara a unha Galicia sostible e dixital e unha sociedade comprometida coa investigación.

Logo de salientar que a nova estratexia mantén os grandes retos da anterior e centrarase na busca de solucións científico-tecnolóxicas para a sostibilidade, na dixitalización e nas persoas para orientar os esforzos en I+D+i na alimentación, saúde ou no envellecemento, Feijóo detallou algunhas desas novidades. Entre elas destacou o establecemento de misións para apoiar entre 4 e 6 grandes proxectos transformadores, o reforzo da atención ás pemes para impulsar a innovación, o desenvolvemento da Marca Galicia en I+D+i e o fomento da incorporación da muller á innovación.

Nesa liña, referiuse ao obxectivo de triplicar no 2027 a porcentaxe de empresas innovadoras, tanto en produto como en proceso. “Queremos mellorar o posicionamento de Galicia no ámbito da I+D+i a nivel estatal e internacional”, abundou.

Máis polo miúdo e a curto prazo, o presidente da Xunta adiantou que a nova RIS3 prevé un investimento público privado de 1.600 M€ entre 2022 e 2024 para levar a cabo os 5 programas nos que se divide esa fase: Completa e transfire, Integra, Persoas e talento, Innova e emprende e Posiciona.

Xa para concluír, Feijóo lembrou algúns dos avances acadados grazas á anterior RIS3 2014-2020, como o incremento nun 34% do investimento en I+D na comunidade, ou a concesión de 6.700 axudas que mobilizaron 1.900 M€ en investimentos público-privados.