Galicia disporá dun dos primeiros computadores cuánticos do sur de Europa | Gaiástech

Galicia disporá dun dos primeiros computadores cuánticos do sur de Europa

pc

  • O presidente resalta que obxectivo da Xunta é afianzar a Galicia “coma un referente neste tipo de tecnoloxía”
  • A licitación, que o Centro de Supercomputación de Galicia realizará este mesmo mes, conta cun investimento de 13,9 millóns de euros e enmárcase no convenio asinado pola Administración autonómica co Centro
  • Terá como elemento central un computador cuántico aberto á comunidade investigadora e aos sectores empresariais estratéxicos
  • Esta adquisición supón avanzar no Polo das Tecnoloxías Cuánticas, no que a Xunta xa está executando accións por máis de 30 M€

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe tras a reunión do Consello que Galicia “albergará un dos primeiros computadores cuánticos que haberá no sur de Europa” que se instalará no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e no que se investirán 13,9 millóns de euros. O obxectivo, resaltou, “é afianzar a Galicia coma un referente en tecnoloxía cuántica” cun equipamento que busca ser “un referente nacional e internacional”.

 
Rueda subliñou que este innovador computador estará aberto “a comunidade investigadora” como as universidades e centros tecnolóxicos e tamén estará dispoñible para sectores empresariais estratéxicos “que cada vez teñen máis necesidade” deste tipo de tecnoloxía. A través da adquisición deste novo computador cuántico, explicou, Galicia segue avanzando no seu Polo de Tecnoloxías Cuánticas, xa que se prevé licitar este contrato este mesmo mes de xullo co obxectivo de formalizalo no outono.

 
A adquisición ten como elemento central un computador cuántico flexible e integrado con outros elementos de computación para facer desta nova infraestrutura un referente nacional e internacional, aberto á comunidade investigadora -universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos- e aos sectores empresariais estratéxicos. Constará de catro elementos: un computador cuántico, un computador de altas prestacións para o desenvolvemento de software, un emulador de algoritmos cuánticos e un sistema de almacenamento onde aloxar os resultados dos novos algoritmos para a súa análise e validación. O obxectivo é que permita crear algoritmos cuánticos aplicables a necesidades tanto públicas como empresariais.

 
Tendo en conta que as tecnoloxías cuánticas actuarán como elemento tecnolóxico disruptivo para acelerar o desenvolvemento económico en todos os sectores, o obxectivo desta infraestrutura, en concreto, e do Polo das Tecnoloxías Cuánticas, en xeral, é posicionar Galicia e mantela nos postos de cabeza neste ámbito. Permitirá facilitar a transición dixital e mellorar a competitividade empresarial grazas ao seu uso, así como atraer talento investigador. De feito, prevese que a computación cuántica supoña un salto tecnolóxico comparable ao que houbo coa chegada da informática.

 
O Polo conta cunha estimación de investimentos de máis de 150 millóns de euros e xirará arredor da excelencia científica e técnica, o emprego cualificado, a innovación e transferencia tecnolóxica e a aceptación social ética e sustentable. Ademais, busca a participación de todos os axentes do ecosistema innovador e a coordinación de accións e, nese sentido aspira a captar fondos europeos Next Generation.

 
Na actualidade xa se están executando accións que supoñen máis de 30 millóns de euros pois, xunto con esta licitación que forma parte do convenio co Cesga (15 millóns de euros), tamén se suman iniciativas como os convenios coas tres universidades (9,6M€).