INCIBE publica o balance de consultas recibidas en 2022 a través da iniciativa 017 | Gaiástech

INCIBE publica o balance de consultas recibidas en 2022 a través da iniciativa 017

Balance consultas
  • O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) atendeu máis de 67.000 consultas en 2022 a través do seu teléfono de axuda 017 e as súas distintas canles de contacto (WhatsApp, Telegram e formulario web). Dende a súa creación en 2020, leva atendidas máis de 184.000 consultas, das cales máis de 113.000 son de usuarios preocupados pola súa ciberseguridade.
  • O 017 é un servizo gratuíto e confidencial que está dispoñible en horario de 8 da mañá a 11 da noite, os 365 días do ano. Está dirixido ás empresas e á cidadanía facendo especial fincapé nos menores.
  • Entre os menores e a súa contorna destaca a crecente preocupación pola privacidade e reputación nas redes sociais e Internet, vinculandose esta temática ao 32,4% das consultas. 

Durante o ano 2022, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) atendeu máis de 67.000 consultas a través do teléfono de axuda 017 e as súas distintas canles de contacto: WhatsApp (900116117), Telegram (@INCIBE017) e formulario web

O teléfono de axuda  017 é un servizo gratuíto e confidencial que INCIBE pon a disposición dos usuarios da rede e a tecnoloxía co obxectivo de axudarlles a resolver os problemas de ciberseguridade que poidan xurdir no seu día a día.

Está dispoñible en horario de 8 da mañá a 11 da noite, os 365 días do ano e é atendido por profesionais que ofrecen asesoramento técnico, psicosocial e legal, dependendo da temática de cada consulta. O servizo está dirixido ás empresas e á cidadanía facendo especial fincapé nos menores. En 2023 este servizo seguirá incrementando as súas capacidades para aumentar o número de beneficiarios aos que pode asesorar diariamente.

Dende que se puxo en marcha este número curto de axuda en ciberseguridade, en febreiro de 2020, o servizo atendeu máis de 184.000 consultas, das cales máis de 113.000 son de usuarios preocupados pola súa ciberseguridade. Así, alcanzouse unha media de máis de 1.295 consultas semanais ao longo de 2022, distribuíndose da seguinte forma:

A imaxe anterior mostra que case a metade das consultas se centraron na axuda preventiva (49% - Resolución de dúbidas), case a outra metade se corresponde co asesoramento reactivo (45% - Xa foran vítimas dun incidente), e por último, unha porcentaxe do 6% fixo uso do servizo para recibir información en ciberseguridade.

A continuación, móstrase unha recompilación das consultas máis destacadas e habituais xestionadas durante o ano 2022: 

Consultas de menores e a súa contorna:

Entre os menores e a súa contorna (pais e educadores) destaca a crecente preocupación pola privacidade e reputación nas redes sociais e na rede (32,4%), as fraudes online (14%) e o ciberacoso escolar (10,1%). Completan a clasificación: o sexting, a protección de dispositivos, os contidos prexudiciais e a mediación parental, entre outras temáticas. 

Doutra banda, case a metade das consultas (un 46%), realizáronas as familias, seguidas dos adolescentes de 12 a 18 anos (21%), e dos educadores, cun 11%. O resto de dúbidas procederon de profesionais do ámbito do menor e outros colectivos.

Consultas da cidadanía:

Entre a cidadanía en xeral, os tres temas que máis preocuparon foron: as fraudes online relacionadas principalmente con phishing  smishing (19,1%), a suplantación de identidade (11,8%) e outras estafas relacionadas con ela (10,9%). Ademais, completan a lista: o vishing (chamadas fraudulentas), a intrusión e a privacidade, entre outras.

Consultas a empresas: 

As empresas recorreron a este servizo para preguntar dúbidas sobre phishingsmishing ou extorsión (20,8%), o Business Email Compromise, BEC, ou a fraude do CEO (15,3%) e a concienciación dos empregados e as boas prácticas en ciberseguridade (12,5%). Completan a lista de temas máis recorrentes: as chamadas fraudulentas, tanto de extorsión, como de estafas; o ciberataque tipo ransomware; a suplantación en redes sociais e os asuntos legais, entre outras.

Finalmente, o 33% das consultas centráronse nos servizos profesionais, seguido en menor medida polo comercio do retail (11%), a industria (3%) e a educación (3%).

Outros sectores con preocupacións sobre ciberseguridade foron a Administración, o lecer, as asociacións, a saúde, o comercio maiorista, as empresas de ciberseguridade, a loxística e a construción.

O Balance correspondente ao 2022 pode consultarse aquí

A noticia completa, pode consultarse aquí