Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Máis de 4.000 explotacións agrícolas de Galicia empregan para a súa xestión servizos da Plataforma Tecnolóxica desenvolvida pola Xunta | Gaiástech

Máis de 4.000 explotacións agrícolas de Galicia empregan para a súa xestión servizos da Plataforma Tecnolóxica desenvolvida pola Xunta

plataforma_agricola
  • O Consello avaliou un informe sobre a evolución da Plataforma dixital agroforestal de Galicia, en fase de desenvolvemento e implantación ata 2027, cun orzamento de 5,4M €
  • Desde que se iniciou o proceso de creación da Plataforma puxéronse xa en marcha utilidades para cubrir os cadernos de explotación dixitais, tramitar consultas ou acceder a información meteorolóxica personalizada
  • Os titulares das explotacións dispoñen dunha aplicación web e outra para móbiles que permiten concentrar as xestións administrativas, calendarios, planificacións e rexistro de actividade e información sobre alertas, entre outros servizos
  • A Plataforma disporá tamén de utilidades para os xestores e técnicos da Administración en ámbitos como a inspección, as tramitacións ou a definición das políticas agrarias
  • Esta iniciativa abre a porta ao uso de tecnoloxías como a aprendizaxe automática ou da intelixencia artificial que facilitarán, entre outros usos, o asesoramento sobre fertilizantes ou a previsión de situacións como a aparición de enfermidades

Máis de 4.000 explotacións agrícolas de Galicia están a utilizar servizos integrados na Plataforma dixital agroforestal (PDAGRO), desenvolvida a través dun proxecto de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre o estado do desenvolvemento desta plataforma. Os traballos iniciáronse en marzo de 2024 e prolongaranse ata xuño de 2027, cun orzamento de 5,4 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Programa Feder Galicia 2021-2027.

PDAGRO é un ecosistema tecnolóxico que xestiona a información e datos de interese para as actividades agrícolas e forestais, e proporciona utilidades a agricultores, gandeiros, silvicultores e técnicos da Administración. E disporá de diferentes módulos, entre os que se atopan a ferramenta de xestión de explotacións agrarias (Xeaga), o sistema de xestión e rexistro das explotacións agrarias, o sistema de xestión de solicitudes de incorporación ao banco de explotacións, a xestión integral do viñedo de Galicia, así como os diferentes sistemas de información xeográfica asociados.

Utilidades xa dispoñibles
Entre as utilidades que xa están dispoñibles atópase a posibilidade de cubrir e xestionar o caderno de explotación dixital, en que se rexistran actuacións como as tarefas de fertilización, tratamentos fitosanitarios ou prácticas gandeiras.

Tamén é posible utilizar xa o calendario agrícola, que inclúe todo tipo de información de interese, así como a xestión de documentación e un sistema de comunicación polo que a Administración pode notificar alertas ou enviar avisos personalizados (por SMS ou correo electrónico) a cada explotación ou grupo de explotacións.

Xanela única e interoperabilidade
A Plataforma permite, así mesmo, iniciar diversos procedementos administrativos grazas á súa integración coa sede electrónica da Xunta ou cos portais sectoriais, como é o caso da oficina virtual de gandaría. O obxectivo a medio prazo é que este espazo actúe como unha xanela única para as persoas e empresas que se dedican a estas actividades do sector agroforestal.

Todas as funcionalidades están concentradas nunha aplicación web, en que cada explotación ten o seu espazo, ao cal accede identificándose de forma segura. Existe tamén unha aplicación móbil que integra funcionalidades como a xeolocalización, o rexistro de actividades no terreo, a predición meteorolóxica e alertas adaptadas a cada explotación en tempo real.

A existencia de mecanismos técnicos (como API) para conectar diferentes aplicacións facilitan a comunicación da Plataforma con sistemas de terceiros, por exemplo, para o traslado da información ao Sistema de información de explotacións do estado (SIEX) , ou aos sistemas que se empregan para a xestión a nivel autonómico das axudas da política agraria común.

Innovación ao servizo do sector agroforestal
O modelo está preparado para acoller todo tipo de utilidades que empregan tecnoloxías como a intelixencia artificial. Neste sentido, o informe destaca a integración con plataformas asesoras en fertilización e a realización de análises preditivas con estimacións de aparición de enfermidades, estimación de colleitas, períodos idóneos para a aplicación de produtos fitosanitarios ou períodos idóneos para a aplicación de fertilizantes. Tamén está previsto que acolla un módulo de soporte á toma de decisións no ámbito do viñedo.
Un módulo avanzado (MODCPA) permite acceder e usar información externa á Plataforma, como imaxes, algoritmos, datos de dispositivos e sensores da internet das cousas (IoT), meteoroloxía etc.

Ademais das aplicacións destinadas aos responsables das explotacións, a Plataforma proporciona utilidades aos técnicos da Xunta de Galicia que traballan no ámbito agroforestal en tarefas como as inspeccións, a toma de decisións, a definición de políticas agrarias, a automatización e a simplificación de tarefas administrativas ou o
fomento da comunicación coa cidadanía.

Fuente: Amtega