Máis do 97% dos concellos galegos conta con sede electrónica | Gaiástech

Máis do 97% dos concellos galegos conta con sede electrónica

digital
  • O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia publica hoxe o informe bianual “Estatística da administración dixital nos concellos galegos”
  • A porcentaxe de municipios con este servizo, esencial na dixitalización da administración, incrementouse en preto dun 23% en catro anos
  • 0 94,7% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia, preto dun 9% máis que en 2019
  • No ano 2021 o teletraballo estaba presente en preto do 70% dos concellos da Comunidade
  • Ademais, o 29% das entidades locais suprimiu a obriga de achegar algunhas documentacións para realizar trámites e o 51,1% substituíu a obriga de achegar documentos por declaracións responsables
  • Afiánzase o uso das redes sociais nas comunicacións coa cidadanía con Facebook á cabeza, seguida de Instagram e Youtube

A dispoñibilidade de sede electrónica nos concellos de Galicia continúa á alza. Nos últimos 4 anos, os municipios con este servizo incrementáronse nun 22,7%. En 2021 a práctica totalidade (97,3%) dos concellos galegos xa dispoñen dunha sede electrónica fronte ao 79,3% do ano 2017.

Son datos recollidos no informe bianual “Estatística da administración dixital nos concellos galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que rexistra datos de 2021.
 

Sede electrónicas e procedementos tramitados

En 2021 a práctica totalidade dos concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico (99,6%). Respecto do ano 2019, incrementáronse a maioría dos servizos dispoñibles nas sedes electrónicas municipais, especialmente as “comunicacións administrativas entre a entidade e os cidadáns e outras AAPP” que experimentaron un crecemento 11,1%, ou a “disposición de formularios electrónicos de inicio de trámites”, que tivo un crecemento do 7,3% nos últimos dous anos.

No 2021 os concellos galegos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet, acadaron o 66,4%.

Vantaxes da Administración electrónica
Grazas á dixitalización, nos últimos dous anos, o 29% dos concellos suprimiu obrigas de achegar algunha documentación (DNI, certificación de obrigacións tributarias, familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.).

Ademais, durante o 2021 un 51,1% dos concellos substituíu por declaracións responsables algúns dos documentos que había que achegar (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.).

Comunicación e participación da cidadanía

O correo electrónico é a canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos cun 98%. Por outra banda, incrementouse o emprego das redes sociais con Facebook á cabeza, cunha porcentaxe de uso do 84,8%, seguida de Instagram cun 37% e de Youtube cun 34,3%.

No 2021 a acción máis común de participación coa cidadanía foi a posibilidade de realizar queixas e suxestións dende a web, presente nun 56,9% de concellos.

Entre 2019 e 2021 a porcentaxe de concellos con portal de transparencia creceu case un 9%, rozando o 95%.

 
Equipamentos, aplicacións e teletraballo

No ano 2021 avanza a dixitalización dos procedementos máis comúns. As aplicacións con maior presenza nos concellos galegos son: o “Padrón de habitantes” (100%), a de “Contabilidade” (98,8%) e a de “Rexistro da entidade” (98,5%). A aplicación con maior crecemento nos últimos dous anos foi a “Xestión on line de Plenos” que no 2021 obtén un 24,4% o que supón un crecemento do 84,8% respecto ao 2019.

Só un 4,2% dos concellos sufriron un incidente de ciberseguridade no ano 2021, sendo os concellos de máis de 50 mil habitantes os que máis incidentes sufriron.

En canto ao uso das tecnoloxías disruptivas nos concellos galegos, o 17,6% dispoñen de servizos de Cloud Computing e preto do 21% de sistemas IoT aplicados a medidores intelixentes, control e xestión do alumeado público ou do rego e subministro da auga.

Con respecto ao teletraballo no ano 2021, o 69,8% dos concellos galegos contaban con empregados e empregadas que traballaban de xeito telemático.

Fuente: Amtega