O Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade da Xunta entra na rede nacional impulsada polo CCN | Gaiástech

O Centro de Resposta a Incidentes de Ciberseguridade da Xunta entra na rede nacional impulsada polo CCN

CSIRT.gal en SOC
  • CSIRT.gal intégrase nesta rede nacional que actuará en coordinación cos Centros de Operacións de Ciberseguridade (SOC) europeos.

  • CSIRT.gal, é o sexto organismo rexional en incorporarse a esta iniciativa nacional promovida polo Centro Criptolóxico Nacional, que coordina a colaboración entre as administracións co fin de mellorar as capacidades de defensa, detección e resposta a ciberincidentes

  • Galicia, a través do nodo CIBER.gal, convértese na primeira Comunidade en dispoñer dunha estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade. 

  • A Xunta articula unha serie de medidas ante os actuais retos de ciberseguridade, investindo 18 millóns de euros, que inclúen a construción do Centro Galego de Excelencia en Ciberseguridade.

O Centro de Resposta a Incidentes da Seguridade da Información de Galicia (CSIRT.gal), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, convértese na sexta Comunidade Autónoma integrante da Rede Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade (RNS) impulsada polo Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Tamén forman parte desta rede, organismos dependentes dos Gobernos de Madrid, Aragón, Comunidade Valenciana, Rexión de Murcia e Canarias, así como o Concello da Coruña, Deputacións Provinciais, empresas e a Secretaría Xeral de Adminsitración Dixital dependente da Vicepresidencia Primeira do Goberno. 

Esta rede, que actuará como enlace cos diferentes SOC europeos, ocúpase da colaboración e o intercambio de información entre todos os Centros de Operacións de Ciberseguridade das Administracións Públicas, co fin de mellorar as competencias nacionais de defensa, detección e resposta a posibles ciberataques. 

A Xunta, para facer fronte aos actuais retos de ciberseguridade, puxo en marcha unha serie de medidas cun investimento aproximado de 18 millóns de euros. Entre estas medidas, destacan, a entrada do CSIRT.gal nesta rede nacional, a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia e constición do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.

Este último fito converteu a rexión galega na primeira autonomía en dispoñer dunha estrutura de cooperación público-privada nesta materia. Hoxe en día, ademáis dos socios fundadores, reúnense en torno a este ecosistema máis de 40 entidades.

Grazas á colaboración de tódolos membros vinculados, CIBER.gal executou dende a súa posta en marcha iniciativas de mellora na seguridade dixital da contorna galega. Cabe destacar entre elas, a organización do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que este ano se celebra os días 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán, da Cidade da Cultura de Galicia. 

Esta nova edición do Encontro acollerá, de xeito gratuíto, actividades de interese para toda a sociedade galega.

Nos vindeiros días será publicada información relativa ao programa do Encontro nesta mesma web.