O Centro Gaiástech presenta o mapa de capacidades dixitais de Galicia que conta xa con máis de 250 entidades | Gaiástech

O Centro Gaiástech presenta o mapa de capacidades dixitais de Galicia que conta xa con máis de 250 entidades

MAPA
  • O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar na súa web o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos galegos con experiencia, coñecemento e competencias dixitais.

Con esta iniciativa potenciarase o mercado TIC galego, empresas e entidades tecnolóxicas que ofertan produtos, servizos e capacidades dixitais, como as empresas do resto de sectores económicos que demandan tecnoloxías no seu proceso de transformación dixital. O mapa tamén impulsará o propio ecosistema tecnolóxico, favorecendo o coñecemento e as relacións dentro do sector, e vai constituír un escaparate tecnolóxico de Galicia de cara ao exterior.

 
Trátase, pois, dun ambicioso proxecto que conta con datos de máis de 250 destas empresas que xa se poden consultar no directorio e que foron recollidos grazas ao traballo de recompilación de información levado a cabo polo Clúster TIC de Galicia. En concreto, inclúense na actualidade datos de 262 entidades que deron de alta 354 produtos, 811 servizos e 63 tecnoloxías, cifras que se verán aumentadas nas novas versións do Mapa de Capacidades, que irán engadindo novas funcionalidades e melloras. Ademais, calquera empresa que o desexe pode darse de alta neste directorio, o que posibilitará a consulta dunha completa radiografía da oferta tecnolóxica existente en Galicia, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.

 
O Mapa permite localizar empresas, produtos, servizos, tecnoloxías e capacidades a través dun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Outra das súas vantaxes é a posibilidade de acceso desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

 
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.

GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.