Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Centro GaiásTech publica unha aplicación móbil que facilita o acceso aos seus servizos e abre foros de debate sobre tecnoloxías intelixentes | Gaiástech

O Centro GaiásTech publica unha aplicación móbil que facilita o acceso aos seus servizos e abre foros de debate sobre tecnoloxías intelixentes

app gtech
  • A app permite inscribirse nas actividades, realizar reservas de espazos e participar en debates enfocados en tecnoloxías innovadoras
  • En 2024, o centro realizou máis de 50 actividades, nas que participaron máis de 800 persoas
  • Esta instalación, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, facilita a difusión e demostración de solucións tecnolóxicas innovadoras para a cidadanía e o tecido empresarial

O Centro GaiásTech acaba de engadir un novo servizo coa publicación dunha aplicación que busca incrementar a accesibilidade dos seus servizos a cidadáns e empresas. A app, dispoñible en Google Play e Apple Store, facilita aos usuarios a inscrición en actividades, a reserva de espazos no centro e a participación en foros de debate enfocados en tecnoloxías innovadoras.

A aplicación súmase aos 13 servizos que ofrece actualmente GaiásTech e busca xerar comunidade ao redor da transformación dixital a través do sistema de foros interactivos que proporciona.

En 2024, GaiásTech organizou medio centenar de actividades, entre xornadas formativas, de difusión, demostrativas ou sectoriais, nas que se mostraron solucións e servizos cun enfoque tecnolóxico, achegando maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. O número de participantes nestas sesións ascendeu a 820 persoas. Ademais, o centro ofrece un Mapa de Capacidades Dixitais, un escaparate de solucións tecnolóxicas no que xa hai un total de 353 empresas rexistradas, con máis de 1.400 produtos e servizos dixitais que empregan ata 78 tecnoloxías diferentes.

Un centro para impulsar a transformación dixital
O Centro GaiásTech, situado na Cidade da Cultura e dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo ofrecer á cidadanía e ao tecido empresarial información e capacitación sobre o proceso de transformación dixital, así como facilitar o acceso e coñecemento dos recursos e ferramentas dispoñibles ao redor das últimas solucións tecnolóxicas.

GaiásTech concentra parte das actuacións dos nodos de colaboración en tecnoloxías como o despregamento de redes de telecomunicacións no territorio, a ciberseguridade ou a intelixencia artificial, e colabora tamén activamente coas actividades de formación dixital para a cidadanía e con iniciativas promovidas pola rede de aulas públicas CeMIT.

Fuente: Amtega