O Clúster TIC Galicia lanza un programa para impulsar a aceleración tecnolóxica: Tech Angels

- O Clúster TIC Galicia vén de lanzar o programa Tech Angels para promover a aceleración tecnolóxica de startups e ideas de negocio de calquera sector, a través dun convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O obxectivo é que entidades socias brinden o pulo necesario para acelerar e optimizar os modelos de negocio das candidaturas seleccionadas.
Segundo explicou o Clúster, esta iniciativa constitúe “unha excelente oportunidade para potenciar proxectos innovadores mediante un marco de colaboración entre emprendedores e empresas socias do Clúster TIC (denominadas “Tech Angels”), que porán á súa disposición os recursos técnicos e económicos precisos para proporcionarlles solucións tecnolóxicas personalizadas, necesarias para potenciar os seus negocios”. O obxectivo último será “xerar sinerxías que permitan ás ideas de emprendemento e startups acceder a recursos tecnolóxicos avanzados e expertise especializado, reducindo os riscos e impulsando a súa rápida expansión e fortalecemento no mercado”.
O Clúster TIC Galicia valorará e preseleccionará as propostas, en base a criterios de calidade, orientación ao mercado e/ou nivel de madurez e dará a coñecer ás entidades admitidas no programa Tech Angels, como máximo, o 9 de xaneiro. A partir desta data, realizaranse dous obradoiros de asesoramento en modalidade híbrida (telemática e presencial) para guiar ás novas firmas innovadoras e ás persoas emprendedoras na elaboración das súas presentacións ante os Tech Angels, aliñadas coas bases do programa. Posteriormente, os Tech Angels, socios do Clúster TIC, escollerán as iniciativas nas que desexen colaborar e procederase á formalización dos acordos.
Os socios do Clúster porán a disposición dos proxectos seleccionados o seu amplo coñecemento e experiencia no mundo TIC e investirán en tecnoloxía adaptada á startup ou idea innovadora seleccionada, dende software a hardware, “pasando por aplicacións, plataformas dixitais e calquera ferramenta tecnolóxica que poida contribuír a potenciar o negocio”, explicaron fontes do Clúster TIC, engadindo que as empresas socias ofrecerán asesoramento e a posibilidade de ampliar a súa rede de contactos, ademais de exercer como guías en cada paso do proceso. “A medida que as empresas e ideas crezan e evolucionen, as solucións tecnolóxicas proporcionadas adaptaranse, garantindo así a súa innovación constante”, apunta o Clúster.