Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O colectivo tecnólogo da comunidade galega mostrará os seus proxectos en AtlánticaConf 2023 | Gaiástech

O colectivo tecnólogo da comunidade galega mostrará os seus proxectos en AtlánticaConf 2023

atlantica conf
  • AtlánticaConf 2023, destacado evento centrado nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia, regresa á Facultade de Informática da Coruña os días 22 e 23 de setembro. Esta será a segunda edición da conferencia, tras o éxito da primeira en 2019 na que máis de 300 asistentes e 56 relatores encheron as aulas da Facultade de Informática.

Organizada por GPUL, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á promoción do software e cultura libres, a AtlánticaConf 2023 será (en palabras da organización) “un encontro único no que se mostrará a potencia tecnolóxica que se desenvolve en Galicia e as súas aplicacións prácticas”.

Durante dous días intensos, a AtlánticaConf 2023 ofrecerá unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica de Galicia.

A axenda contará cunha vintena de charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e obradoiros organizados por comunidades tecnolóxicas.Nestas intervencións, seleccionadas entre máis dun cento de propostas que destacaron pola súa calidade e contido, representantes do ámbito tecnolóxico (na súa maioría da nosa terra) compartirán as súas experiencias e coñecementos en eidos como a Intelixencia Artificial, os sistemas distribuídos, o deseño e as aplicacións especializadas, como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.

"A AtlánticaConf é ou sitio no que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que nos demostran que non fai falta irse fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global", destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego. "Temos a sorte de contar cunhas charlas dun grande nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia. E por riba contamos con relatores de startups galegas referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Spotify ou Warner Bros, un auténtico orgullo.”

A AtlánticaConf 2023, engade, “proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking”. Os asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nunha contorna estimulante e acolledora.

Fuente: Codigo Cero