Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Consello Nacional de Seguridade designa a INCIBE como Centro de Coordinación Nacional do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade | Gaiástech

O Consello Nacional de Seguridade designa a INCIBE como Centro de Coordinación Nacional do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade

INCIBE
  • INCIBE, membro fundador do Nodo CIBER.gal, será o punto de contacto en España co Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade. Así, cooperará co resto de axentes competentes, a industria, o sector público, a comunidade académica de investigación e os cidadáns. 
  • Con esta designación, INCIBE terá presenza no Consello de Administración do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade mediante a representación de Miguel Ángel Amutio, director de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade da Secretaría Xeral de Administración Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España. 
  • O representante de España no Consello de Administración do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade participará no II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal. 

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), un dos membros fundadores do Nodo CIBER.gal e entidade dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, foi designado polo Consello Nacional de Ciberseguridade como Centro de Coordinación Nacional de España. Así, constitúese como un dos 27 centros nacionais de coordinación do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade. 

A designación obedece a que INCIBE cumpre os requisitos esixidos para a súa constitución, conta cunha experiencia dilatada no sector e coñecementos especializados en materia tecnolóxica, investigación e innovación e consolidouse como entidade de referencia para o desenvolvemento da ciberseguridade e da confianza dixital de cidadáns, rede académica e de investigación, profesionais, empresas e especialmente para sectores estratéxicos. 

Os centros de coordinación nacionais actuarán como punto de contacto e coordinación do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade a nivel nacional e cooperarán co resto de axentes competentes, a industria, o sector público, a comunidade académica de investigación e os cidadáns, teñendo en conta os retos nacionais e rexionais en materia de ciberseguridade de cada país.

A súa misión tamén inclúe a posta en marcha de proxectos transfronteirizos e accións conxuntas financiadas a través da UE, que se integren no tecido produtivo nacional a través de instrumentos, como o financiamento en fervenza, que habilitan a concesión de axudas a terceiros. Desta forma poderase prestar apoio técnico e económico, en especial ás pemes, facilitando o acceso aos coñecementos, conectando con mercados potenciais e accedendo ao financiamento.

Así mesmo, os centros de coordinación nacionais teñen a misión de crear unha comunidade público-privada de competencias a escala nacional, que aglutine o coñecemento existente na materia, e que axude a perfilar as prioridades nacionais de investigación e de desenvolvemento de capacidades atendendo a casuística, peculiaridades e nivel de madurez nesta materia, de cada país.

O Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade (ECCC)

O Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade é unha iniciativa europea que se enmarca dentro das políticas europeas en ciberseguridade e que ten como obxectivo aumentar as capacidades e a competitividade de Europa en materia de ciberseguridade a través dunha “Rede” de centros nacionais de coordinación, un por cada Estado Membro. O Centro Europeo actuará en toda a cadea de valor desde a investigación, innovación, despregamento e adopción de tecnoloxías crave evitando a fragmentación e agrupando o coñecemento de entidades e individuos nunha comunidade de competencias en ciberseguridade a nivel europeo.

Este centro estará situado na cidade de Bucarest (Romanía), e o seu labor é promover a cooperación e a coordinación entre os centros nacionais de coordinación, agrupar a identificación de prioridades en materia de investigación e despregamento de capacidades para xestionar os fondos de ciberseguridade no marco financeiro plurianual 2021-2027 principalmente a través dos Programas Horizonte Europa e Europa Dixital, co obxectivo de contribuír a crear un ecosistema industrial e de investigación sobre ciberseguridade interconectado a escala da UE. Así mesmo, contribuirá a fomentar unha mellor cooperación que axude a facer o mellor uso posible dos recursos e coñecementos técnicos existentes, co fin de fortalecer a autonomía dixital e soberanía estratéxica en materia de ciberseguridade da UE. 

A gobernanza do Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade inclúe no seu Consello de Administración a un representante de cada Estado Membro, así como dous representantes da Comisión que actuarán en nome da UE. Por parte de España, o representante será Miguel Ángel Amutio, director de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade da Secretaría Xeral de Administración Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Goberno de España. A presidencia deste órgano osténtaa Luxemburgo, e a vice-presidencia, Polonia.

II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal

O II Encontro CIBER.gal celebrarase na Cidade da Cultura de Galicia os días 9 e 10 de novembro de 2022. 
Esta nova edición do Encontro acollerá, de maneira gratuíta, actividades de interese para toda a sociedade galega. Un dos bloques de actividades principais agrupará actividades destinadas á administración pública, onde se encadra a intervención de Miguel Ángel Amutio. 
Nos próximos días será publicada información relativa ao programa do Encontro nesta mesma web.