O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia integra xa información sobre máis de 300 empresas que ofrecen 884 servizos e 444 produtos | Gaiástech

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia integra xa información sobre máis de 300 empresas que ofrecen 884 servizos e 444 produtos

mapa
  • O directorio é xestionado polo centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e na súa elaboración participa o Clúster TIC
  • Esta aplicación integra un buscador de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, así como de tecnoloxías, produtos e servizos

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, publicado polo Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia superou en outubro as 300 entidades rexistradas no directorio. Suma así máis de 60 novas altas desde a súa publicación o pasado mes de xullo.

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas. O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar ás empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.

A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.

Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade. Actualmente conta con 312 entidades, 444 produtos, 884 servizos e 74 tecnoloxías.

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.

Esta ferramenta comezou a súa andadura con 250 entidades do ecosistema TIC galego das que recolleu datos o Clúster TIC Galicia como froito dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

 
GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.