Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O Nodo CIBER.gal apoia o lanzamento dunha caixa de ferramentas, en galego, para a mellora da ciberseguridade no sector da Comunicación | Gaiástech

O Nodo CIBER.gal apoia o lanzamento dunha caixa de ferramentas, en galego, para a mellora da ciberseguridade no sector da Comunicación

acto
  • PuntoGal e a Global Cyber Alliance colaboran na presentación dunha caixa de ferramentas para xornalistas, en galego, co fin de mellorar a ciberseguridade no sector da comunicación
  • O Nodo CIBER.gal, apoia a iniciativa como acción de fortalecemento da seguridade da información no eido dixital da nosa comunidade

PuntoGal, entidade adherida ao Nodo CIBER.gal, é a entidade xestora do dominio galego que desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. En colaboración coa Globar Cyber Alliance, organización internacional sen ánimo de lucro dedicada á misión de reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado no que vivimos que une comunidades de todo, presentou esta tarde na sede do Colexio de Xornalistas unha versión en galego da caixa de ferramentas pensada para a protección dos datos dos colexiados, pero que está ao dispor de calquera usuario interesado. Este é o segundo que se presenta na súa versión en galego, despois dunha específica para pemes que se publicou o pasado outono.

O portal da caixa de ferramentas é unha versión adaptada do ‘ToolKit’ que publicou a Global Cyber Alliance, no que se compilan utilidades que se poden usar de balde e que garanten a seguridade das comunicacións e do almacenamento de datos tanto nas actividades profesionais coma no tempo de lecer e as comunicacións privadas dos xornalistas.

O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que “este portal da caixa de ferramentas, xa o segundo que publicamos en coordinación coa GCA, permite aos profesionais do xornalismo dar un primeiro paso no diagnóstico e prevención de posibles problemas de seguridade”. González comentou, finalmente, que “estas actividades inscríbense no esforzo do dominio para se constituír coma un espazo seguro para todos o seus usuarios, do que tamén forma parte a protección a través da plataforma Domain Trust, un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia."

Pola súa banda, Valeria Pereiras, da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas comentou ‘a facilidade de uso das ferramentas e o xeito de que sexan de balde e multiplataforma vai facer o seu uso máis doado e animar aos profesionais a manter os seus equipos e as súas redes seguras’. Neste sentido, recordou que ‘moitos xornalistas teletraballan, manteñen os seus equipos e non contan co apoio de departamentos de sistemas que se preocupen pola seguridade’ e que as ferramentas como as que hoxe presenta PuntoGal ‘cobren unha eiva que moitos xornalistas sentimos no coidado dos noso instrumentos de traballo, cada día máis complexos e expostos.’ Tamén salientou que o colexio profesional está en conversas coa GCA para a posta en marcha de webinars e outras colaboración entre as dúas entidades.

Marina Calvo, da Global Cyber Alliance, comentou que ‘Galicia está volcada coa ciberseguridade. A estratexia ata 2030 ten obxectivos moi claros en canto á promoción dun espazo global, aberto, fiable e seguro para toda a cidadanía. Desde a Global Cyber Alliance e en colaboración cos nosos socios podemos axudar a cantos estades a constriur o seu futuro. Sentímonos moi orgullosos de seguir contribuindo xuntos no avance da Galicia dixital.’ Citando a Brian Cute, director do programa C&R da Global Cyber Alliance, tamén dixo: ‘Como continuación á posta en marcha do portal da caixa de ferramentas para xornalistas, celebraremos un obradoiro de traballo para presentala en profundidade e identificar cuestións de ciberseguridade relevantes para eles: por exemplo, a importancia de usar ferramentas online, comprensión de conceptos de ciberseguridade básicos, principais ciberamenazas para os xornalistas, recomendacións e boas prácticas, así como o uso de ferramentas e recursos de ciberseguridade.’

Edita de Lorenzo, Vicepresidenta da Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación, salientou ‘o compromiso dos profesionais das telecomunicacións coa seguridade das mesmas, tendo en conta a importancia dos datos que cada día movemos nas redes e a protección que requiren’. Tamén comentou que ‘aínda que moitos sectores teñen conta da seguridade lóxica dos sistemas, moitas veces esquecemos a parte física das redes e a súa xestión, na que se ocupan moitos profesionas da enxeñaría de telecomunicación integrados na AETG’.

Gustavo Herva, de AMTEGA, en representación do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, acudiu á presentación apoiando esta iniciativa, e destacou que ‘en Galicia, segundo reflexa o último Balance de Cibercriminalidade de 2022, o 20% do total de infracción foron estafas a través de medios telemáticos. Esta cifra, de case 19.000 estafas telemáticas, acolle só aquelas que se coñecen pero, lamentablemente, augúrase que se producisen moitas máis.’ Tamén destacou que ‘ temos que seguir traballando para impulsar a colaboración público-privada e intensificar accións encamiñadas a fortalecer a ciberseguridade en Galicia e a mellora das competencias no uso da tecnoloxía.’