O novo portal do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia incorpora un cadro de mando e permite a consulta interactiva de datos
- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia renova o deseño da web do OSIMGA e integra ferramentas de Business Intelligence para facilitar o acceso á información
- Mellora a experiencia de navegación con máis menús, ventás de busca de información e contidos audiovisuais
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acaba de renovar o portal do Observatorio da Sociedade da (OSIMGA). A nova versión de www.osimga.gal incorpora novas ferramentas para facilitar a busca e consulta da información de datos sobre a dixitalización de Galicia.
Entre as principais novidades do portal destaca a incorporación dun cadro de mando que emprega tecnoloxías de Business Intelligence para facilitar a consulta interactiva de datos. O cadro de mando permite aos usuarios elaborar gráficas e mapas personalizados coas desagregacións e rangos temporais que precisen.
Ademais, o novo deseño mellora a experiencia de navegación e o acceso aos contidos audiovisuais que se foron incrementando nos últimos anos, coa publicación periódica de vídeos divulgativos. A nova estrutura do portal inclúe, tamén, resumos de todos os informes publicados con maquetacións máis dinámicas dos textos que acompañan as publicacións.
Datos destacados e nova estrutura da portada da web
A nova portada da web de OSIMGA conta cunha selección de datos actuais máis significativos, que permiten o acceso inmediato ás fontes de información de cada un destes indicadores. A previsualización dos últimos informes e noticias que se inclúen na portada da web permiten agora un filtro por áreas.
Nesta nova versión da web todas as páxinas incorporan un buscador que facilita o acceso aos contidos, aplicando filtros avanzados por etiquetas, páxinas da web, idiomas ou termos. Cómpre lembrar que a web permite a descarga de todos os informes, cadros de indicadores e documentos en arquivos de formatos abertos para facilitar o seu uso e divulgación na sociedade.