O Plan de Talento Dixital da Xunta amplía ata preto de 30 as actividades para o fomento das vocacións tecnolóxicas e a especialización dos profesionais TIC | Gaiástech

O Plan de Talento Dixital da Xunta amplía ata preto de 30 as actividades para o fomento das vocacións tecnolóxicas e a especialización dos profesionais TIC

TALENTO
  • O catálogo de actividades para o curso 20221/2022 pechouse esta semana nunha xuntanza, presidida pola directora da Amtega, e na que participaron as empresas do Pacto Dixital que colaboran na iniciativa
  • Estimularse o as vocacións científico tecnolóxicas entre os máis pequenos e pequenas con charlas, obradoiros, concursos e visitas didácticas

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, continúa a incrementar o seu catálogo de actividades para o curso 2021/2022 con 29 novas iniciativas lideradas integramente polas empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia. Así se acordou esta semana nunha xuntanza de traballo presidida pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
 
Durante o ano 2022, seguirase a estimular o talento precoz no ámbito TIC con actuacións que motivan as vocacións científico tecnolóxicas entre os máis pequenos e pequenas a través de accións lúdico-formativas como charlas, obradoiros, concursos ou visitas didácticas que permitirán ao alumnado galego familiarizarse coas novas tendencias tecnolóxicas ao tempo que mellorarán as súas destrezas e capacidades dixitais avanzadas.
 
Ademais, promoverase a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos perfís dixitais especializados que demanda o mercado laboral, con iniciativas dirixidas á comunidade universitaria e á formación profesional. Accións formativas, talleres, workshops, competicións e novas convocatorias para premios aos mellores Traballos de Fin de Grao e Mestrado son algunhas das actuacións que se irán activando o vindeiro ano e que xerarán espazos que faciliten a adecuación continua das capacidades dixitais ás necesidades reais do tecido empresarial.
 
Arrincan as sesións do programa Tecnólog@ por un día
Pola súa banda, a Amtega segue a fomentar ás vocacións STEAM entre os máis novos coa posta en marcha da quinta edición do Programa Tecnólog@ por un día. A primeira convocatoria para este ano, xa en curso e marcada pola volta á presencialidade, recibiu máis de 200 solicitudes de inscrición.
 
Durante os meses de novembro e decembro, os participantes seleccionados visitarán as instalacións das empresas do sector TIC galego que colaboran nesta actividade para desfrutar dunha xornada de traballo da man de profesionais voluntarios, o que permitirá mellorar a visión que os rapaces e rapazas teñen das profesións científico-tecnolóxicas.
 
Webinars ‘TransformaTech Sessions’
Doutra banda, entre as novidades para o curso 2021/2022 destaca o próximo lanzamento do ciclo de webinars ‘TransformaTech Sessions’ co que se continúa a impulsar o alento dixital de Galicia.
 
Esta iniciativa, deseñada nun formato en liña altamente participativo, permitirá a interacción entre os asistentes e os poñentes invitados, expertos e expertas nas tecnoloxías disruptivas de maior impacto na actualidade, que resolverán as dúbidas formuladas en relación á temática exposta.
 
Con estas actuacións, a Amtega segue a traballar na redución da fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento especializado na nova economía dixital de Galicia.
 
Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para participar destas actuacións.
 
DigiTalent
O Plan DigiTalent configúrase como instrumento clave para o fomento e a retención do talento na nosa comunidade e está aberto á reflexión conxunta cos axentes do ecosistema dixital galego. Coas súas achegas, as empresas colaboradoras únense á Amtega un ano máis e suman esforzos para impulsar dúas das liñas estratéxicas de actuación do Plan: as vocacións STEM e os novos perfís dixitais.

Fuente: AMTEGA