Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O sector tecnolóxico galego xerou preto de 4.000 postos de traballo nos últimos cinco anos | Gaiástech

O sector tecnolóxico galego xerou preto de 4.000 postos de traballo nos últimos cinco anos

osimga
  • Roza xa os 23.000 empregos directos na Comunidade e mantense no quinto posto do Estado en número de empresas, con 3.140
  • O volume de facturación do sector TIC galego foi de preto de 3.700 millóns de euros en 2022, 450 millóns máis que o ano anterior
  • Increméntase o uso das tecnoloxías innovadoras coa Internet das cousas á cabeza, seguida do Big Data e a Intelixencia Artificial
  • Crece un 8% a porcentaxe de traballadores con titulacións universitarias STEM
  • Preto do 80% das empresas considera difícil atopar persoal especializado

O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), “O Sector TIC en Galicia 2023”, publicado hoxe.

O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados. O valor engadido bruto (VEB) das empresas tecnolóxicas galegas en 2021 (ultimo dato dispoñible) foi de máis de 1.753 millóns de euros, o 2,7% do PIB galego. 

Talento Dixital

Crece preto dun 8% a porcentaxe de traballadores con titulación universitaria STEM (especialidades formativas de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías, Informática e Matemáticas), nas empresas tecnolóxicas galegas, que pasa dun 39,3% a un 42,4%.

Aínda así, o 78,8% das empresas TIC galegas considera difícil ou moi difícil contratar novo persoal con formación en especialidades STEM.

Tecnoloxíasinnovadoras

O emprego das tecnoloxías innovadoras no sector tecnolóxico está encabezado pola Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5%. O Big Data ocupa xa o segundo lugar, cunha presenza do 35%, seguido da Intelixencia Artificial, que é empregada polo 29,5% das empresas TIC galegas.

Por outra banda, o 27,5% das tecnolóxicas galegas fai uso ou incorpora aos seus servizos recursos de Business Intelligence, un 24,8% emprega Chatbots e máis do 11% utilizou a impresión 3D no 2023.

Respecto á ciberseguridade, cómpre destacar o crecemento de empresas TIC galegas que oferta produtos ou servizos de ciberseguridade, que no ano 2023 foi do 27,6% (cun incremento do 12,2% respecto ao ano anterior).

Comercio electrónico 

O 32,6% de empresas TIC venden os seus produtos a través do comercio electrónico no último ano, cun crecemento relativo do 21,2% sobre o ano anterior. 

No 2023, o peso das vendas a través do comercio electrónico respecto ao volume de negocio das empresas TIC representou o 53,7%. 

Fuente: Amtega