A Olimpíada Informática Galega celebrarase na cidade da Coruña en febreiro | Gaiástech

A Olimpíada Informática Galega celebrarase na cidade da Coruña en febreiro

OIG23
  • A II Edición da Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG 2023) é organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) en colaboración coas tres universidades públicas de Galicia
  • A Olimpíada, que terá lugar o 10 de febreiro, vai destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio que non teñan máis de 20 anos a data de 1 de Xullo de 2023
  • O obxectivo é promover o coñecemento e as vocacións na disciplina da Informática nos máis novos, podendo participar, os dous representantes galegos seleccionados, na XXVII Olimpíada Informática Española

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e as tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo), membros colaboradores do Nodo CIBER.gal, organizan dende o ano 2022 a Olimpíada Informática Galega (OIG).

Estas olimpíadas, destinadas a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio, teñen por obxecto o impulso, promoción e fomento do coñecemento e as vocacións na informática na mocidade, disciplina moi presente e necesaria hoxe en día en todos os ámbitos. 

A competición de 2022, celebrada nas tres facultades de informática de Galicia, tivo 17 participantes procedentes de once centros educativos das cidades da Coruña, Ourense e Vigo e de distintas localidades de Galicia. O gañador conseguiu a medalla de bronce na Olimpíada Informática española (OIE).

Para esta nova edición, que terá lugar o 10 de febreiro de 2023 na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, xa se cubriron todas as plazas convocadas, cun total de 37 participantes.

A competición consta dun conxunto de problemas, entre catro e seis, que deberán resolverse mediante unha linguaxe de programación que permita automatizár a súa resolución. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver, mediante o deseño correcto e eficiente de algoritmos, un programa que o resolva. 

Na OIG 2023 os participantes poderán exercitarse antes da competición inscribíndose nos adestramentos organizados polo comité pedagóxico da OIE, xunto coa colaboración de antigos participantes e profesores de distintas universidades. 

A OIG seleccionará dous representantes galegos para participar na XXVII Olimpíada Informática Española, que se celebrará do 24 ao 26 de marzo de 2023 en Madrid, e ademáis, o resto de participantes mellor clasificados na olimpíada galega recibirán premios. Os gañadores da OIE poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto/setembro de 2023 en Hungría. 

Para máis información, acceder a páxina oficial da OIG 2023: aquí