Pablo Mariño e Pedro Guijas, gañadores dos premios ao mellor proxecto universitario con licenza libre

O pasado venres 21 de outubro, tivo lugar no GaiásTech da Cidade da Cultura o acto de resolución da XV edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado polo Consorcio CIXUG, e que conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Un total de 4 candidaturas acadaron esta fase final, que foron avaliadas polo xurado a través das súas diferentes presentacións, e nas que se tiveron en conta aspectos tales como o correcto licenciamento dos traballos, así como o uso dunha metodoloxía propia, e que caracteriza especialmente aos traballos en aberto.
O primeiro premio foi acadado por Pablo Mariño Boga co proxecto «Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental», no que se leva a cabo tanto o deseño dun dispositivo de medida para a monitorización de marcadores de contaminación ambiental (onde se toman datos da calidade do aire, a contaminación acústica e lumínica), como do desenvolvemento do software necesario.
Este recoñecemento conleva unha dotación económica de 1.500 euros, que son aportados polo CIXUG ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Por outra banda, entregouse un segundo premio a Pedro Guijas Bravo polo seu traballo «Desenvolvemento dunha biblioteca para a aprendizaxe federada baixo unha arquitectura peer-to-peer», no que se elabora unha librería de software libre en python que permite simulacións e despregue de sistemas de aprendizaxe federado descentralizado, facendo uso dunha da rede p2p e o protocolo Gosisp.
Este segundo premio conta cunha dotación económica de 750 euros, que son achegados pola asociación GPUL, entidade colaboradora desta iniciativa e tamén enmarcado no convenio de colaboración asinado coa AMTEGA.
Finalistas
Os catro finalistas que alcanzaron a fase final da presente edición foron os seguintes:
– Alejandro Iregui Valcarcel, eHand: arquitectura de control para prótesis mio-eléctricas.
– Pedro Guijas Bravo, Desenvolvemento dunha biblioteca para a aprendizaxe federada baixo unha arquitectura peer-to-peer.
– Pablo Mariño Boga, Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental.
– Eliseo Bao Souto, Ranking de usuarias de Reddit aplicando un modelo de relevancia para trastornos depresivos.
O CIXUG convoca este premio dentro das actividades incluídas dentro do convenio de colaboración coa AMTEGA, e no que se pretende a mellora dos mecanismos de formación e difusión do software libre no ecosistema universitario galego.
A colaboración de GPUL tamén forma parte das actividades realizadas ao abeiro do convenio de colaboración asinada coa Amtega para a promoción do software libre en Galicia.