Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A primeira Asemblea Xeral do Nodo CIBER.gal fai balance das actuacións e avanza novas iniciativas dirixidas ás administracións públicas e empresas | Gaiástech

A primeira Asemblea Xeral do Nodo CIBER.gal fai balance das actuacións e avanza novas iniciativas dirixidas ás administracións públicas e empresas

Memoria_gal
  • O Nodo CIBER.gal celebrou esta semana a súa primeira Asemblea Xeral, xuntando a todos os seus socios fundadores e membros vinculados ao ecosistema de ciberseguridade de Galicia
  • O Nodo CIBER.gal puxo en valor máis de 40 iniciativas de concienciación, difusión e fomento do talento que se desenvolveron, ademáis da futura posta en marcha do Centro de Excelencia de Ciberserguridade

Preto de 50 persoas en representación de entidades do sector tecnolóxico, da investigación, do coñecemento, da industria e de organizacións públicas referentes en ciberseguridade en España como o Centro Criptolóxico Nacional, xuntáronse esta semana para celebrar a I Asemblea Xeral do Nodo Galego de Ciberseguridade.

Na mesma, o Nodo CIBER.gal puxo en valor o esforzo e cooperación de todas as entidades que se enmarcan no ecosistema creado na súa contorna, pois son a chave do éxito conseguido en todas e cada unha das iniciativas celebradas e executadas no contexto de CIBER.gal.

Destacan principalmente actividades e iniciativas enfocadas cara á concienciación, capacitación e formación, a difusión e posta ao dispor de información,o fomento do talento, a facilitación de servizos de ciberseguridade e tamén o impulso á industria deste sector.

 

Concienciación

No primeiro deles, englóbanse preto de 20 iniciativas, e resalta a posta en marcha do grupo de traballo das empresas, que conseguiu uns resultados de máis de 500 profesionais rexistrados e máis de 300 beneficiarios cun elevado grao de satisfacción xeral situado preto do 9 sobre 10. Cabe mencionar o deseño e execución de dous cursos superiores, un do ámbito da ciberseguridade e outro no ámbito da protección de datos persoais, ambos os destinados a persoal público, nos cales a demanda de prazas nalgunha das edicións mesmo chegou a triplicar a oferta.

Tamén na categoría de concienciación destaca a iniciativa de #CiberEsther, en colaboración coa TVG, co obxectivo de capacitar e concienciar á sociedade sobre a ciberseguridade, que acumula máis de 650.000 visitas nas distintas canles. Outra das iniciativas destacadas nesta categoría é a organización do Encontro CIBER.gal, que en ambas as edicións conseguiu máis de 3.500 inscricións, preto de 50 actividades distintas e a participación de máis de 6.000 escolares no Concurso Ciberseguridade no Cole!

 

Difusión

No ámbito da difusión, posta ao disposición de información e colaboracións en iniciativas de referencia, no marco do Nodo executáronse máis de 20 actividades. Resaltan entre elas a creación da súa propia web, que aglutina información de interese e actualidade relativa á seguridade da información, e a adhesión á Rede Nacional de SOCS.

 

Fomento do talento

O fomento do talento tamén é un obxectivo presente no Nodo, polo que CIBER.gal apoiou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade no lanzamento dos Cursos de Especialización en Ciberseguridade, que hoxe en día se atopan en 4 lugares distintos de Galicia. Na contorna do Nodo tamén se deseña e coordina a facilitación de servizos de ciberseguridade, destacando a execución do proxecto de servizos de ciberseguridade a entidades locais desde decembro do 2021 e acordos con entidades colaboradoras de CIBER.gal para a posta a disposición gratuíta de plataformas e ferramentas para mellorar o nivel de ciberseguridade das empresas de Galicia.

Por suposto, resáltase o importante labor de impulso á industria da ciberseguridade enmarcada no contexto de CIBER.gal, na cal é destacable a próxima creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia e a participación na convocatoria RETECH no ámbito da ciberseguridade, que da man de Cataluña e a Comunidade Valenciana, foi un dos 11 proxectos seleccionados polo Goberno Central.

 

En relación ás próximas liñas de actuación para a continuidade de iniciativas de CIBER.gal, no curto prazo destacan a constitución e posta en marcha do grupo de traballo da Administración Pública, a continuidade de actividades enmarcadas no grupo de traballo das empresas, e a posta en marcha do proxecto común no marco da iniciativa RETECH.

 

Pódense consultar os detalles da memoria de actividades na seguinte ligazón: https://gaiastech.xunta.gal/sites/default/files/documents-cibergal/Memo…;