Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A proposta galega á convocatoria RETECH no eido da ciberseguridade, unha das seleccionadas polo Goberno Central | Gaiástech

A proposta galega á convocatoria RETECH no eido da ciberseguridade, unha das seleccionadas polo Goberno Central

retech
  • A iniciativa RETECH articula diversos proxectos rexionais orientados á transformación e especialización dixital
  • O Goberno anunciou os 11 proxectos seleccionados á convocatoria "RETECH: Redes territoriais de especialización tecnolóxica", entre os cales se atopa o proxecto no que participou Galicia da man da Generalitat Valenciana e Cataluña, presentando unha iniciativa conxunta no ámbito da ciberseguridade
  • A proposta galega expón a creación e posta en marcha dun centro demostrador/laboratorio de innovación en produtos e servizos de ciberseguridade enfocado ao sector de Smart Transportation

O pasado mes de xullo, o Ministerio de Asuntos Económicos e a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, lanzou unha invitación pública ás Comunidades Autónomas para participar na nova iniciativa da Axenda España Dixital 2026: “RETECH: Redes territoriais de especialización tecnolóxica”.

Esta iniciativa, dotada con 530 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para o período 2022-2023 e con financiamento adicional das propias comunidades, articulará diversos proxectos rexionais orientados á transformación e especialización dixital. Así mesmo, alíñase con dous dos principais obxectivos específicos da axenda España Dixital: liderar o cambio disruptivo de maneira inclusiva e sustentable, e focalizar os esforzos de dixitalización en sectores económicos clave. Trátase, por tanto, dunha iniciativa emblemática que permitirá apoiar proxectos tractores fomentando o intercambio de coñecemento e multiplicando as oportunidades de cada rexión a través de redes nacionais que permitan maximizar o equilibrio territorial e a cohesión social.

As Comunidades Autónomas contaron coa oportunidade de presentar proxectos colaborativos nas diferentes áreas temáticas definidas dentro da iniciativa RETECH (Intelixencia artificial e outras tecnoloxías habilitadoras aplicadas ás industrias, Xemelgos Dixitais, GreenTech, Ciberseguridade, Emprendemento Dixital, Tecnoloxía con impacto social, RuralTech, FashionTech e Saúde Dixital). Cada iniciativa debía contar con, polo menos, a participación de dúas Comunidades Autónomas, un compoñente esencial de innovación e promover a implicación de diferentes axentes do sector privado e público.

Galicia, a través da Amtega, sumouse á iniciativa concorrendo a esta invitación pública da man da Generalitat Valenciana e Cataluña na área temática da ciberseguridade. A proposta conxunta trata dun espazo de datos de ciberseguridade para os sectores das ciencias da saúde, o smart transportation, a industria conectada e a excelencia operativa de forma transversal. Os obxectivos principais desta iniciativa conxunta son: impulsar a cohesión do ecosistema de ciberseguridade e fomentar a innovación para dar resposta a retos de ciberseguridade actuais e futuros.

O proxecto persegue despregar un conxunto de centros demostradores que funcionen de maneira coordinada como un único Centro de Innovación e Competencia no ámbito da ciberseguridade. No caso de Galicia, expúxose a creación e posta en marcha dun centro demostrador/laboratorio de innovación en produtos e servizos de ciberseguridade enfocado ao sector de Smart Transportation. No seu marco, perséguese fomentar o talento especializado, capacitar en ciberseguridade ás empresas e cidadanía e incentivar a demanda de produtos e servizos do centro por parte do tecido empresarial galego.

No día de onte, a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, anunciou os resultados da invitación pública do programa RETECH á que se presentaron 16 iniciativas e das que se seleccionaron 11 proxectos, entre os cales se atopa a proposta galega neste eido. 

Ademáis, a Comunidade Galega contribuíu á convocatoria RETECH noutros temas. Con "Optimización das cadeas de valor en sectores estratéxicos da economía. Fomento do uso da intelixencia artificial na industria" xunto co País Vasco e Madrid; e en ecosistemas de emprendemento e innovación co proxecto "Aceleración de ecosistemas de clústeres de empresas especializadas en IA, especialmente startups e pemes" xunto con La Rioja, Castilla La Mancha, Extremadura e Navarra. Ambas proposta figuran tamén entre as 11 seleccionadas polo Goberno.