Rueda destaca que a fábrica de intelixencia artificial consolidará Galicia como un nodo tecnolóxico estratéxico a nivel europeo
- Inscribe esta iniciativa no resto de avances na I+G+i, a I+D+i galega, nos que tamén se inclúen o que será o novo ‘datacenter’ do CESGA
- Será a factoría de IA máis especializada das 19 que hai en Europa e é a terceira con mellor puntuación
- Permitirá grandes avances en materia de saúde humana, animal e ambiental que terán aplicación en retos como a vixilancia de epidemias ou a detección temperá de lumes
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a futura fábrica de intelixencia artificial 1HealthAI consolidará Galicia como un nodo tecnolóxico estratéxico a nivel europeo. Neste sentido, precisou que esta será a factoría de IA máis especializada das 19 que hai en Europa. Así o sinalou hoxe durante o acto de presentación desta iniciativa, que está liderada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A fábrica de intelixencia artificial centrarase en asuntos relacionados coa saúde humana, animal e ambiental. É, ademais, a terceira con mellor puntuación de todas, e conta cun investimento de 82 M€. Conta, ademais, coa participación das tres universidades públicas galegas, o centro tecnolóxico Gradiant, o hub Datalife e outros axentes clave do sistema de I+D+i galego, español e europeo.
De feito, o presidente insistiu en que o feito de que Galicia resultara adxudicataria desta iniciativa é un éxito colectivo, froito do compromiso e colaboración das administracións e de todo o ecosistema innovador. Neste sentido, sinalou que se trata dun “punto de partida importante, porque empeza un novo proxecto, e tamén é a continuación de todo o que se veu facendo ata o de agora”.
Considerou, ademais, que a fábrica de IA será un motor de innovación en todos os sentidos. Así, xerará emprego cualificado, atraerá talento e tamén será relevante para ámbitos como o sanitario. O seu enfoque One Health (que integra a saúde humana, animal e ambiental) terá aplicación en áreas tan importantes como a vixilancia de epidemias, a predición de biotoxinas nas rías, na medicina de precisión ou na detección temperá de lumes.
Así mesmo, potenciará a competitividade de startups e empresas emerxentes, que grazas á factoría poderán acceder a capacidades tecnolóxicas avanzadas, datos de calidade e acompañamento para desenvolver solucións baseadas en intelixencia artificial. Neste sentido, o presidente destacou o empeño por que se beneficien de todos estes avances “a sociedade, o tecido económico, as pemes e o pequeno tecido empresarial”.
Avances na I+G+I Rueda sinalou que a IA presenta “enormes posibilidades”, subliñando que “aos que nos colla preparados probablemente teremos vantaxes que outros moitos non poderán aproveitar”, e reafirmou o compromiso do Goberno galego por “seguir apostando polo tecido de I+D+i galega, a I+G+i”.
Neste ámbito, inscríbese tamén o que será o novo datacenter do CESGA, no que se investirán 56 millóns de euros e consolidará o liderado galego en computación; a nova Lei de intelixencia artificial, en vigor desde abril deste ano e que converteu a Galicia na primeira rexión en contar cunha normativa destas características; a elección de Galicia como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), e todas as iniciativas nas que xa se está aplicando a intelixencia artificial na comunidade autónoma, como na sanidade, no emprego, na administración ou no medio rural.