Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Rueda reivindica o liderado tecnolóxico de Galicia para atraer talento e impulsar a competitividade do tecido produtivo | Gaiástech

Rueda reivindica o liderado tecnolóxico de Galicia para atraer talento e impulsar a competitividade do tecido produtivo

Rueda_AIMEN
  • Valora a posta en marcha de infraestruturas como a de AIMEN, da cal o Goberno galego financiou o 50%, para transformar o coñecemento científico en solucións reais para o día a día
  • Destaca a importancia de achegar os beneficios da I+G+i ao día a día das pequenas e medianas empresas para que atopen solucións tecnolóxicas para ser máis competitivos, máis eficientes e máis innovadores

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o “liderado tecnolóxico de Galicia para atraer e reter talento cualificado” e impulsar a competitividade do tecido produtivo.

Así o asegurou durante a inauguración do novo Centro de Fabricación Intelixente e Sostible de AIMEN, no Porriño, no que estivo acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e onde subliñou que este tipo de infraestruturas de vangarda permiten que sectores estratéxicos como a automoción, o naval, a aeronáutica ou a enerxía atopen as solucións tecnolóxicas para ser máis competitivos, máis eficientes e máis innovadores.

“Estamos na vangarda da innovación tecnolóxica”, asegurou, ao mesmo tempo que puxo en valor que AIMEN conte con profesionais de  “ata 19 nacionalidades, o que demostra esa capacidade de atracción, de facer as cousas ben e de captar e reter ese talento”.

Asemade, o responsable do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración público-privada para achegar a I+G+i ao día a día das empresas e industrias. Para Rueda,  esta suma de esforzos é a vía máis eficaz para garantir que os avances científicos e o coñecemento xerado nos centros de investigación se traduzan en aplicacións prácticas e melloras tanxibles que beneficien directamente á sociedade.

O Goberno galego aporta 3,2 M€ a este novo proxecto de AIMEN, o 50% do investimento total que supón este novo centro, cofinanciado con fondos europeos do programa Galicia Feder 2021-2027. Unha mostra máis da aposta da Xunta por afianzar a potente rede de centros tecnolóxicos cos que conta a comunidade para facer dela un referente tecnolóxico indiscutible nas próximas décadas.

Ademais, o presidente quixo destacar a “potente rede de centros tecnolóxicos que temos en Galicia” e a posta da Xunta para seguir impulsándoos, a través dun investimento de máis de 225 M€ desde o 2009. “Temos que seguir conseguindo o que hai moitos anos parecía impensable: que a innovación e a súa transferencia sexan algo habitual, que vaian a máis e que sigan necesitando infraestruturas punteiras como as que poñemos en funcionamento hoxe”, asegurou.