Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Turismo de Galicia presentou no GaiásTech a liña de axudas para a eficiencia enerxética en aloxamentos turísticos | Gaiástech

Turismo de Galicia presentou no GaiásTech a liña de axudas para a eficiencia enerxética en aloxamentos turísticos

turismo de galicia
  • O pasado luns 16 de xaneiro, Turismo de Galicia presentou no Centro GaiásTech a liña de axudas para a eficiencia enerxética en aloxamentos turísticos
  • Durante o webinar presentáronse todos os detalles de esta nova axuda destinada a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos e pode solicitarse ata o 30 de marzo

A Xunta levou a cabo un webinar sobre a liña de axudas de eficiencia enerxética para os aloxamentos turísticos galegos onde participaron máis de 100 empresarios. No webinar explicouse como optar ás subvencións para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico e no que están incluídos hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. Estas axudas están dotadas cun crédito de 7,8 millóns de euros.

 
As axudas foron aprobadas polo Goberno galego o pasado mes de decembro e poden ser solicitadas por pequenas e medianas empresas, que se encadren como persoas físicas ou xurídicas de natureza privada e que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamento turístico, así como empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a este mesmo fin. Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

 
As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas con anterioridade ao 1 de xaneiro 2007, sempre que sexan edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Só se admitirá unha solicitude por establecemento

As actuacións deberán alcanzar as dúas seguintes condicións: unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto a situación de partida; e a mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.

As actuacións subvencionables son a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.