Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Últimos días para solicitar as axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural | Gaiástech

Últimos días para solicitar as axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural

manos_telefono
  • O 9 de maio de 2022 rematará o prazo no que poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps
  • A Xunta destinará case 880.000 euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
  • É a terceira convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta, que xa permitiu dotar de conexión en 2016 a 81 polígonos industriais, así como, ás actuacións que se prevén neste eido para o próximo período
  • Esta medida complementa outras actuacións que o Goberno do Estado ten en marcha a través do Programa UNICO para lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps

O próximo 9 de maio remata o prazo para que empresas e autónomos de zonas illadas do rural poidan solicitar as axudas para  a dotación de banda larga ultrarrápida.

Esta nova convocatoria, que se publicou o pasado 23 de marzo no Diario Oficial de Galicia dá continuidade á actuación posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia xa no ano 2017 no marco do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

Nesta terceira convocatoria, na que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica destina outros case 880.000 euros, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

As convocatorias de 2017 e 2019 sumaron 1.100.000 de euros que permitiron que máis e 80 empresas, con case 1.300 traballadores en total, dispoñan actualmente dun servizo de banda larga con velocidades de acceso que van dende os 30Mbps ata os 600Mbps.
 

Prazos e características da convocatoria

O prazo de solicitude, que comezou o pasado 24 de marzo, rematará o próximo 9 de maio.  

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado, de 100Mbps ou máis, durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

 

Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas en áreas empresariais

No marco do Plan de Banda Larga 2020 púxose en marcha, en xullo de 2016, unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contaban con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

Deste xeito, actualmente hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

 

Medida complementaria ás estatais

A presente convocatoria destinada a dotar dun servizo de banda larga ultrarrápida a empresas illadas do rural complementa outras actuacións que o Goberno  do Estado ten marcha a través do Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dos que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado. Entre estas medidas está a mellora da conexión e o reforzo da mesma en polígonos industriais, centros loxísticos e outras áreas con concentración de empresas,

O compromiso do Estado, que desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga, é  lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.

Fuente: Amtega