Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Xa está aberto o prazo de inscrición para o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os días 10 e 11 de novembro na Cidade da Cultura | Gaiástech

Xa está aberto o prazo de inscrición para o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os días 10 e 11 de novembro na Cidade da Cultura

CIBERgal

• Abordará a concienciación en ciberseguridade a todos os niveis con actividades destinadas ao tecido empresarial, á cidadanía e ás Administracións Públicas
• Terán presenza institucións de referencia en ciberseguridade como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional, a Axencia Española de Protección de Datos e ISMS Forum
• No encontro participarán poñentes de relevancia nacional e internacional como Marc Vidal, Gianluca D´Antonio e Antonio Fernandes
• A asistencia as diversas actividades requiren inscrición tanto para a modalidade presencial, con limitación de prazas, como para a modalidade en streaming

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia nacional e internacional, abordarase a importancia da Ciberseguridade en Galicia así como as medidas necesarias para avanzar neste  ámbito.

O encontro divídese en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial, que se desenvolverá ao longo da mañá do día 10 de novembro. Neste espazo celebraranse paneis e charlas nas que se falará sobre as axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, sobre os riscos aos que se enfronta o tecido empresarial, cales son as súas consecuencias e as obrigas legais que lle afectan en materia de ciberseguridade. Expoñeranse proxectos de ciberseguridade como a iniciativa Cybersecurity in a box, promovida polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e o ISMS Forum. 

Para o colectivo da cidadanía -que será desenvolvido ao longo da tarde do 10 de novembro- contarase co concurso Ciberseguridade no cole! destinado aos menores organizado por Telefónica, e un Capture The Flag,  organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Tamén albergará intervencións da man de Gianluca D´Antonio, Presidente de ISMS Forum,  e contará con actividades que falarán sobre a necesidade actual de talento en ciberseguridade e obradoiros que axudarán aos participantes a detectar e identificar ameazas. 

No segundo día, destinado principalmente á administración pública, cabe destacar a participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun panel de debate que agrupa aos máximos responsables de organismos  e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.

Neste encontro colaboran, ademais das xa mencionadas Teléfonica, Cátedra R e Gradiant, entidades como APDTIC, Cloud.gal, ABANCA e Deloitte, entre moitas outras.

Lembrar que a inscrición é precisa para asistir a todas as actividades, tanto no formato presencial coma no online. No seguinte enlace pódese proceder coa inscrición completamente gratuíta: https://inscricioncibergal.gaiastech.xunta.gal/gl/index.html

Nodo Ciber.gal
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado mais de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas. 

A ciberseguridade e unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade. No ano 2020, incrementáronse en España respecto ao ano anterior un 32% os delitos producidos a través de internet. A nosa comunidade non é allea a esta situación; Galicia está na sétima posición do ranking estatal en canto a ciberdelitos denunciados, no 2020 se rexistrou un aumento do 135% nos procedementos abertos pola Fiscalía por estafas cometidas a través de internet e das tecnoloxías da comunicación. 

Estas cifras poñen de manifesto a necesidade de por en marcha iniciativas coma o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia  de garantir a seguridade da información na contorna dixital e deste xeito tentar facer fronte ao incremento dos delitos cometidos a través de internet. 

Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal

Fuente: AMTEGA