A Xunta abre unha nova liña de axudas para impulsar as plataformas de venda online de produtos agroalimentarios no rural galego | Gaiástech

A Xunta abre unha nova liña de axudas para impulsar as plataformas de venda online de produtos agroalimentarios no rural galego

agroalimentario

• A convocatoria está destinada a concellos de menos de 10.000 habitantes, federacións de comerciantes e Grupos de Desenvolvemento Rural, os cales poden presentar as súas solicitudes a partir de mañá martes 31 de agosto
• O obxectivo do Goberno galego é fomentar o desenvolvemento de marketplaces, campañas de publicidade ou a xestión da comunicación online cos clientes no sector

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

Así, os concellos de menos de 10.000 habitantes, as federacións de comerciantes e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) interesados en solicitar estes apoios, de concorrencia non competitiva, poderán facelo desde mañá martes 31 agosto, sendo 48.000 euros o importe máximo que poden alcanzar estas axudas.

O obxectivo da Xunta, que destina 800.000 euros a este programa, pasa por impulsar accións de promoción comercial e de acceso a innovadores canles de venda a través da creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, co fin de darlles unha proxección de venda para adaptarse á nova demanda e perfil do consumidor.

Este tipo de espazos dixitais supoñen un gran escaparate para a produción do sector primario, o que axuda a revitalizar as zonas rurais e introducir canles de venda que contribúan ao desenvolvemento, dinamización, expansión e competitividade. O crecemento deste tipo de mercados supón para as comarcas rurais unha gran oportunidade á hora de gañar visibilidade, conseguir así máis visitantes e dinamizar a súa economía local.

As actuacións que poderán optar a estes apoios deben estar relacionadas co deseño e desenvolvemento do marketplace –xestión das tendas e catálogos online, control de pedidos; adaptación ao móbil, ou técnicas de posicionamento SEO–; a posta en marcha de campañas de marketing e publicidade; a xestión da comunicación cos clientes e os pagamentos online; e o deseño e creación de produtos sostibles de packaging.