A Xunta adapta a súa Plataforma Xudicial Electrónica ao modelo de Administración e Goberno Intelixentes
- O Consello aproba destinar máis de 2,6 millóns de euros á contratación deste servizo ata 2028
- Permitirá adecuar a forma en que funciona o sistema ás necesidades do novo contexto de tecnoloxías como a intelixencia artificial
- Os cambios teñen tamén como obxectivo a adaptación á nova lexislación estatal e ao novo sistema de xestión procesal Atenea
- Cidadanía e profesionais disporán dunha Carpeta xustiza na sede xudicial electrónica e no portal eXustiza para recibir e consultar toda a información que lles afecte
O Consello da Xunta aprobou hoxe a contratación do servizo de evolución da Plataforma de Administración electrónica xudicial de Galicia, por un importe de máis de 2,6 millóns de euros ata 2028, que adaptará o sistema ao modelo de Administración e Goberno intelixentes.
O novo contexto, caracterizado polo uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a orientación ao dato, fan necesaria a evolución da plataforma tecnolóxica que utiliza o sistema xudicial de Galicia. Ademais, os cambios normativos derivados do plan Xustiza estatal e a implantación do novo sistema de xestión procesal Atenea fan tamén necesarios os cambios.
O servizo inclúe a evolución integral da forma en que está configurada e funciona actualmente a plataforma para a súa simplificación e para que sexa tecnoloxicamente compatible co novo sistema de xestión procesal Atenea, que desenvolve o Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, e que se porá en marcha despois de xullo de 2026. Esta compatibilidade é necesaria para o funcionamento de toda a xustiza dixital nesa contorna común.
Tamén permitirá mellorar o visor do expediente xudicial electrónico, que será dotado de ferramentas de busca e consulta máis avanzadas e intuitivas con tecnoloxías de explotación semántica da información.
Está prevista, así mesmo, a evolución das canles de relación coa cidadanía e entre profesionais, como o portal xustiza.gal ou a sede xudicial electrónica sede.xustiza.gal. As persoas usuarias disporán dunha Carpeta xustiza para recibir e consultar toda a información que lles afecte. Ao mesmo tempo, integrará servizos de atención cidadá avanzada, como asistentes ou guías virtuais.
A plataforma garantirá a interoperabilidade cos servizos e sistemas estatais, así como cos sistemas do Servizo Público de Xustiza en Galicia. Permitirá tamén o intercambio de información na plataforma de intermediación de datos da Xunta de Galicia pasaXe!.
Investimento de 43 millóns de euros
Esta actuación dá continuidade ao III Plan tecnolóxico da Administración de xustiza en Galicia. Senda 2025, para a consolidación dixital da xustiza, facela máis próxima á cidadanía con servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O plan contou cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos.