Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Xunta avoga por unha evolución dixital do turismo que integre tecnoloxía, datos e innovación reforzando a competitividade dun sector máis sostible e eficiente | Gaiástech

A Xunta avoga por unha evolución dixital do turismo que integre tecnoloxía, datos e innovación reforzando a competitividade dun sector máis sostible e eficiente

corgos_Gaiastech
  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na inauguración da xornada Ecosistemas de datos para destinos intelixentes
  • Subliñou que todas estas ferramentas permiten coñecer mellor a oferta, a demanda, os mercados de orixe e os destinos e poñer a disposición da industria turística valiosa información procesada en función das súas necesidades

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta da Xunta por unha evolución dixital do turismo que integre a tecnoloxía, o uso dos datos e a innovación para reforzar a competitividade dun sector máis sostible e eficiente.

Durante a inauguración da xornada Ecosistemas de datos para destinos intelixentes, Corgos referiuse ao turismo e ao Camiño de Santiago como dous exemplos de actividades estratéxicas de Galicia que precisan de solucións tecnolóxicas adaptadas para tomar mellores decisións e deseñar actuación máis axustadas ao que se necesita. “A combinación destas tecnoloxías -economía do dato, intelixencia artificial ou o internet das cousas- permítenos ofrecer solucións ás empresas e profesionais do sector”, dixo, lembrando que, desde hai anos, máis de 24.000 empresas e profesionais teñen acceso a información personalizada e recursos en Turespazo.

Así mesmo, destacou a utilidade de aplicacións como Turinfo, para dotar de recursos e información á rede de oficinas de turismo de Galicia, a creación dun futuro asistente conversacional con intelixencia artificial para complementar e ampliar o alcance das oficinas, ou da Plataforma de Intelixencia Turística de Galicia (TURINT). Todas estas ferramentas permiten facer propostas personalizadas de itinerarios para os visitantes; utilizar os datos para xestionar a ocupación; coñecer mellor a oferta, a demanda, os mercados de orixe e os destinos; e poñer a disposición da industria turística valiosa información procesada en función das súas necesidades.

“En definitiva, pretendemos impulsar unha visión compartida para a evolución do turismo en Galicia, integrando tecnoloxía, datos e innovación como pancas estratéxicas para mellorar a xestión do destino, fortalecer a colaboración público-privada e reforzar o noso posicionamento competitivo baixo o selo Galicia Calidade”, explicou, a modo de resumo.

Centro GaiasTech
O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención para recordar que, neste obxectivo de especialización e soberanía dixital de Galicia, a Xunta conta co Centro GaiasTech, como un dos recursos que pon a disposición das empresas e a sociedade.

O GaiasTech é o encargado de elaborar o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, que conta ata o momento con 360 empresas, 1.406 produtos e 78 tecnoloxías. A peche de 2025, estaban rexistradas neste centro máis de 1.700 entidades, entre empresas, clústeres, administracións públicas, centros tecnolóxicos e universidades.

Fuente: Amtega